A conselleira de Política Social visitou hoxe a entidade acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias

Fabiola García asina un convenio coa Fundación Juan Soñador para a atención de menores tutelados no que incrementa nun 40% a súa achega, que acada os 158.000 euros

A contía total do acordo para este ano ascende a 180.000 euros, xa que á entidade lucense correspóndelle os 22.000 euros restantes

Este reforzo económico permitirá dotar de novas oportunidades a 500 nenas, nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade, 70 beneficiarios máis que o ano anterior

Lugo, 23 de outubro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, a sede da Fundación Juan Soñador, onde firmou un convenio por 180.000 euros que garante a continuidade dos programas de apoio aos menores tutelados pola Administración autonómica que desenvolve a entidade. Con este fin, o Goberno galego incrementa este ano nun 40% a súa colaboración, ata acadar os 158.000 euros, mentres que o resto corre a cargo da propia entidade.

Con este aumento dotaranse de novas oportunidades a 500 nenos, nenas e adolescentes aos que se dirixen as iniciativas de Juan Soñador, 70 beneficiarios máis ca o ano anterior. Tamén se reforzarán as actividades de atención escolar e apoio educativo, un dos eixos nos que traballa a entidade lucense xunto co fomento do desenvolvemento persoal e social, a dinamización do ocio e o tempo libre e a atención familiar.

A conselleira de Política Social enmarcou este convenio no compromiso da sociedade galega co benestar dos menores, en especial daqueles que están acollidos ao sistema de protección da Xunta.

Outras axudas para proxectos de inclusión

Ademais, Fabiola García destacou o apoio do Goberno galego ás entidades sociais a través da nova orde de axudas de inclusión, que nesta convocatoria para o período 2020-2022 acada un importe récord de 18 millóns de euros. A Fundación Juan Soñador recibirá ao abeiro desta liña de axudas máis de 400.000 euros —un 6% máis que na convocatoria anterior— para financiar proxectos e actividades que se desenvolvan nos vindeiros dous anos.

Imaxes relacionadas