A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, mantiveron esta mañá un encontro de traballo

Xunta e Autoridade Portuaria da Coruña trasladan a preocupación polo bloqueo do ferrocarril a Langosteira e demandan igualdade de trato co mediterráneo

Ethel Vázquez salienta que mentres o Goberno impulsa o Corredor Mediterráneo, a conexión ferroviaria co porto de Barcelona e establece alianzas estratéxicas con Italia, ignora as necesidades do Corredor Atlántico e a conexión de Langosteira

Explica que o ferrocarril do porto coruñés é un proxecto maduro, con proxecto construtivo e declaración de impacto ambiental, polo que se pode licitar e financiar a través dos fondos europeos de reconstrución ou do mecanismo Conectar Europa

Considera que non é entendible a demora, a falta de avances e a desatención do Goberno a esta infraestrutura estratéxica, que favorecerá o desenvolvemento industrial e contribuirá á creación de emprego e á reactivación económica

Lembra que este mércores se dirixiu ao Ministerio de Transportes pedíndolle unha reunión para abordar os proxectos do Plan Director do Corredor Atlántico en Galicia e a creación dun comisionado para o seu impulso

O presidente da Autoridade Portuaria remarca que non se está a pedir nada novo, senón que se cumpran os compromisos asumidos con Langosteira, porque o tren é un elemento determinante para o futuro do porto e da propia cidade

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020

A Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña trasladaron hoxe a súa preocupación polo bloqueo da conexión ferroviaria do porto de Langosteira por parte do Goberno español, a quen lle demandan igualdade de trato co Mediterráneo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para abordar a situación actual da conexión ferroviaria do porto de Langosteira, na que tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Tanto Ethel Vázquez como Enrique Losada coincidiron en destacar a falta de avances e a pasividade do Goberno central cunha actuación que consideran estratéxica, tanto para reforzar as potencialidades do propio porto e garantir o seu desenvolvemento futuro, como para apuntalar a competitividade do tecido empresarial de toda a área da Coruña.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade puxo o acento no desequilibrio na atención que o Goberno de España lle está a prestar ao Corredor Mediterráneo e aos seus portos en detrimento do Corredor e dos portos da fachada atlántica, como este de Langosteira.

Salientou que mentres o Executivo español impulsa con determinación as infraestruturas do Corredor Mediterráneo, a conexión ferroviaria do porto de Barcelona e establece alianzas estratéxicas con Italia, parece ignorar as necesidades do Corredor Atlántico e as conexións como o tren a Langosteira, proxectos que teñen unha oportunidade única para seren financiados con fondos europeos, tanto do mecanismo Conectar Europa como os fondos de reconstrución Next Generation.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que a conexión ferroviaria do Porto de Langosteira é un proxecto maduro no que se podería avanzar de xeito inmediato, de existir vontade política: lembrou que o Goberno de España anunciou a licitación das obras no Diario Oficial da Unión Europea en marzo de 2019, sen que desde aquela se teñan producido avances; tamén que conta con proxecto construtivo, polo que se pode licitar, ademais de dispor de declaración de impacto ambiental que, de non iniciarse os traballos, explicou, podería caducar.

Ethel Vázquez destacou que hai un clamor social, institucional e empresarial en canto a reclamar do Goberno español a execución da conexión ferroviaria de Langosteira e dixo non entender a demora, a falta de avances e a desatención do Executivo a esta infraestrutura estratéxica que favorecerá o desenvolvemento das industrias vinculadas ao porto e contribuirá á creación de emprego. O proxecto de Langosteira, remarcou, debe ser prioritario e contribuír á reactivación económica e á reconstrución na que debemos traballar todas as administracións públicas.

Explicou que o bloqueo do Goberno central a esta infraestrutura abocaría a que o de Langosteira fose o único porto de toda a cornixa cántabro-atlántica que funcionaría sen conexión ferroviaria, o que suporía unha desvantaxe competitiva evidente con respecto aos portos da contorna que si dispoñen desa conexión de tren.

A este respecto, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña remarcou que non se está a pedir nada novo ao Goberno central, simplemente que “cumpra os compromisos” asumidos con Langosteira, xa que a conexión ferroviaria é un elemento determinante para o futuro do porto e da propia cidade. Enrique Losada precisou que xa hai dous anos que Portos do Estado se comprometeu a tramitar ante o ADIF o proxecto do enlace, asumindo que non poderá ser financiado pola Autoridade Portuaria, pero o certo é que non houbo avances constatables, a pesar da relevancia do asunto.

A titular de Infraestruturas sinalou que este mesmo mércores se dirixiu ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para demandarlle que os fondos de reconstrución europeos non afonden na brecha entre o Corredor Atlántico e o Mediterráneo, solicitándolle unha reunión na que abordar os proxectos do Plan Director do Corredor Atlántico en Galicia e a creación dun comisionado para o seu impulso, similar ao que xa existe para o Corredor Mediterráneo.
 

Imaxes relacionadas