A Xunta agarda que a colaboración do tecido socioeconómico amplifique a candidatura galega aos fondos europeos e consolide a aposta por unha Galicia máis dixital, verde e social

A xuntanza de hoxe estivo centrada na avaliación das iniciativas desta primeira listaxe que prestan unha especial atención á modernización do sector primario e que xiran en torno á Estratexia Rural 2030

Conde destaca o carácter transversal destas iniciativas porque encaixan nos catro grandes obxectivos que se marcou o Goberno galego: a modernización do tecido produtivo, a transición ecolóxica, a cohesión social e territorial e a dixitalización da administración

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou que os proxectos desta área suporán a posta en produción de 250.000 hectáreas en toda Galicia
 

Santiago de Compostela, 23 outubro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, amosou hoxe o seu convencemento de que a colaboración do tecido socioeconómico amplifique a candidatura galega aos fondos europeos de recuperación e consolide a aposta por unha Galicia máis dixital, verde e social. Así o manifestou tras unha nova xuntanza da comisión Next Generation Galicia para seguir afondando na planificación dos proxectos galegos que concorrerán aos fondos comunitarios, un total de 108 que mobilizarán un investimento público-privado de máis de 9.400 millóns de euros.

A reunión estivo centrada na avaliación das iniciativas desta primeira listaxe que prestan unha especial atención á modernización dun sector estratéxico para a economía galega como é o sector primario. Proxectos, adiantou Conde, que xiran en torno á Estratexia Rural 2030, deseñada para incrementar a competitividade do rural galego.

Ao respecto, o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou que estas propostas enfocadas no sector primario suporán a posta en produción de 250.000 hectáreas en toda Galicia, cunha actuación directa en 7.000 hectáreas.

González explicou que os tres eixos sobre os que pivota a Estratexia Rural 2030 son a dixitalización, o coñecemento e a transferencia aos axentes económicos para un rural sostible e circular; a resiliencia, sustentabilidade e biodiversidade do territorio rural galego e o apoio ás explotacións agrarias para a súa adaptación ás novas esixencias medioambientais.

Proxectos transversais

O vicepresidente destacou o carácter transversal destas iniciativas para o rural porque encaixan nos catro grandes obxectivos que se marcou o Goberno galego. Son iniciativas que contribúen, por un lado, á modernización do tecido produtivo, que é a finalidade que perseguen un 30 por cento dos proxectos da candidatura galega que van mobilizar 4.700 millóns de euros. Por outro lado, promoven, tamén, a mobilidade sustentable e a transición ecolóxica incidindo na economía circular, ao igual que o fan outro 31 por cento das propostas presentadas cunha mobilización de 2.767 millóns de euros.

En terceiro lugar, teñen encaixe no obxectivo da cohesión territorial e social, onde se agrupan o 25 por cento das iniciativas que compoñen esta primeira listaxe e que mobilizarían 1.377 millóns de euros. E, finalmente, tamén asumen as vantaxes de contar cunha administración dinámica e dixital, que é o obxectivo do 14 por cento restante dos proxectos galegos, que chegarían a mobilizar 614 millóns de euros.

Con todo, Conde insistiu en que a proposta que presenta Galicia está centrada non só en impulsar a recuperación económica senón, sobre todo, a modernización dos servizos públicos como a sanidade, a educación ou a atención sociosanitaria, que son as necesidades máis urxentes que impón esta pandemia. Por iso, lembrou que máis de 1000 millóns de euros destes fondos van ir destinados a iniciativas vinculadas á saúde: para modernizar o sistema sanitario, facelo máis accesible e para reforzar a investigación biomédica.

O vicepresidente económico concluíu sinalando que esta comisión vai facer, a partir de agora, un dobre traballo: por un lado madurar as iniciativas das que xa se dispón para que se poidan presentar a Europa en abril de 2021 e, en segundo lugar, seguir identificando novas propostas para incrementar as actuacións da candidatura galega.
 

Imaxes relacionadas