A Xunta de Galicia aposta por unha actuación homoxénea e coordinada para facer fronte á covid

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, valora positivamente o documento abordado na reunión do Consello Interterritorial que se celebrou hoxe pola tarde

No que atinxe ás posibles restriccións de mobilidade nocturnas, o Consello Interterrlitorial non chegou a un acordo definitivo, expresando Galicia a súa oposición a que foran ligadas a un estado alarma

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta tarde na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, na que todas as comunidades autónomas valoraron positivamente o documento de actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión da covid-19, que foi aprobado sen oposición.

Na reunión, o conselleiro valorou que o documento recolla, no seu texto final, que se trata dun marco común para o desenvolvemento das comunidades, e que os indicadores e restricións sexan flexibles, como xa adiantara con anterioridade á reunión.

O departamento sanitario galego insiste en engadir máis indicadores ao documento, pois segue sen considerarse a urxencia hospitalaria dentro dos indicadores asistenciais.

A Consellería de Sanidade considera que o problema pode estar nas comunidaddes con poboacións de menos de 20.000 habitantes, en donde os indicadores de incidencia acumulada poden inducir a error. A tal efecto, o departamento sanitario galego axustará ditos indicadores e os niveis de alerta en función da poboación, como ten feito ata agora.

O documento hoxe aprobado permite introducir novos indicadores e a Consellería de Sanidade introducirá o de urxencias e os cualitativos, cos que xa traballa agora.

Por último, no documento se flexibilizan os niveis de alerta para decisións individualizadas en cada comunidade autónoma.

Respecto ás restriccións nocturnas, o titular da carteira sanitaria manifestou que Galicia está a favor de ter capacidade de utilizar restriccións, tal e como xa lle indicou ao Ministerio que solicitara o comité clínico galego. Porén, opúxose a ligar estas restricións ao estado de alarma, senón ás peticións da autoridade sanitaria e de saúde pública ao Tribunal Superior de Xustiza. É dicir, que se manexe no ámbito da comunidade autónoma coa xustiza da propia comunidade, e sempre baseándose en criterios epidemiolóxicos.

Esta medida pódese incorporar na lexislación ordinaria modificando a Lei 3/86 e, nese sentido, xa hai unha iniciativa presentada no mes de agosto no Parlamento nacional cos trámites xa feitos e informe favorable para tramitación, e que podería estar lista en 15 días.