O titular do Goberno galego participou telematicamente na Asemblea do Polígono San Cibrao

Feijóo apela á colaboración entre axentes sociais e económicos co tecido produtivo para avanzar cara á recuperación económica dunha Galicia construída entre todos

Explica que nestes momentos a prioridade da Xunta segue sendo a recuperación económica e social para acadar unha economía que funcione e xere emprego

Lembra que a inauguración do novo acceso permitiu conectar o polígono de forma máis rápida, cómoda e directa coa Autovía das Rías Baixas
 

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe, durante a Asemblea do Polígono de San Cibrao, á colaboración entre axentes sociais e económicos co tecido produtivo para avanzar cara á recuperación económica dunha Galicia construída entre todos.

Durante a súa intervención, Feijóo explicou que nestes momentos a prioridade do Goberno galego segue sendo a recuperación económica e social co único obxectivo de acadar unha economía que funcione e xere emprego. “Somos conscientes da necesidade de impulsar reformas para diminuír os trámites burocráticos e para a transformación que necesita o tecido produtivo”, engadiu.

Ademais de aproveitar a ocasión para felicitar á asociación polas súas catro décadas de existencia, Feijóo constatou o apoio da Xunta a esta infraestrutura lembrando a inauguración o pasado 11 de setembro do novo acceso, cun investimento de 22 M€, que permitiu conectar o polígono de forma máis rápida, cómoda e directa coa Autovía das Rías Baixas.

Nesa mesma liña, tamén recordou o incremento nun 50% dos servizos de autobús interurbano entre Ourense e o polígono, o que é posible grazas aos novos contratos do Plan de transporte público e á execución de obras de reforzo e repintado do firme nas estradas autonómicas na zona industrial.

Finalmente, o titular da Xunta garantiu o compromiso adquirido de transvasar parte dos terreos da Tecnópole cara ao polígono para levar a cabo a súa ampliación de 400.000 m2 e relanzar ás empresas que se queiran instalar. “Nas zonas industriais de Ourense, queremos seguir depositando futuro e emprego”, sentenciou.
 

Imaxes relacionadas