A Xunta inaugura en Ferrol a exposición ‘Carvalho Calero. A voz presente’ no marco da celebración do Día das Letras 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participaron no acto do Centro Torrente Ballester

A mostra pode visitarse desde hoxe ata o 22 de novembro e recolle citas de obras literarias, artigos, entrevistas concedidas así como materiais audiovisuais
 

Ferrol, 22 de outubro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, inauguraron hoxe a versión estendida da exposición Ricardo Carvalho Calero. A voz presente, que promove a Consellería de Educación, Cultura e Universidade en colaboración coa Associaçom Galega da Lingua (AGAL) no marco da programación institucional conmemorativa das Letras Galegas 2020.

Durante o acto, o secretario xeral de Cultura agradeceu ás institucións, empresas e administracións “o esforzo e compromiso levado a cabo nos últimos meses para manter as celebracións en homenaxe ao autor, adaptándose á situación sanitaria”. Neste sentido, o representante da Xunta precisou que xuntos “fomos quen de renderlle tributo durante este ano a unha figura como Ricardo Carvalho Calero a través de iniciativas en internet”. Agora, tal e como sinalou, dase un paso máis neste obxectivo levando a “Ferrol, a súa terra natal, boa parte do seu legado facendo que o propio autor fale de si mesmo a través da súa obra”.

Neste sentido, Anxo M. Lorenzo manifestou o compromiso do Goberno galego coa celebración do Día das Letras escollendo Ferrol como a parada desta mostra que inclúe materiais audiovisuais, entrevistas concedidas, citas de obras literarias e mesmo artigos e pezas propias. Ademais do secretario xeral de Cultura, no acto tamén participaron o representante da AGAL, Eduardo Sanches Maragoto, e un dos comisarios da mostra, Carlos Quiroga.

Ricardo Carvalho Calero. A voz presente é a versión estendida da exposición que desde o mes de xuño está a itinerar en distintos concellos galegos en formato máis reducido. Permanecerá no Centro Torrente Ballester ata o 22 de novembro, para continuar despois en Santiago de Compostela entre o 25 de novembro e o 25 decembro. Enmárcase na programación que está a levar a cabo a Xunta de Galicia durante este ano en colaboración con distintas entidades, institucións e empresas en homenaxe ao autor.

Acto das letras o sábado


Ademais da mostra, entre outras iniciativas tamén se puxo en marcha a web Carvalho Calero 2020, na que se ofrece ampla información sobre a biografía e obra do autor, así como o acceso a recursos dixitais deseñados tamén no marco desta colaboración, como unidades didácticas para a ensinanza primaria e secundaria, ou referencia ás edicións bibliográficas conmemorativas, fotografías que ilustran a súa vida e traxectoria, entre outras.

Debido á situación sanitaria derivada da covid-19, boa parte das iniciativas previstas no marco da Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020 adquiriron este ano dimensión virtual para celebrar o 17 de maio desde Internet. Con todo, moitas outras citas adiáronse ata este mes de outubro, de acordo coa decisión da RAG de fixar os actos previstos para este sábado 31, o que propiciou que o ano 2020 conte, excepcionalmente, con dous meses nos que celebrar as Letras.
 

Imaxes relacionadas