A Xunta remata as obras de mellora dos aparcadoiros e da vía de acceso ao hospital Naval de Ferrol

Os traballos, que comezaron na segunda quincena de agosto, consistiron na renovación do firme do vial perimetral, ademais de actuar sobre uns 5.000 m2 dos aparcadoiros

A intervención forma parte das actuacións que se executan nas contornas do Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos, cun investimento conxunto de 200.000 euros

O obxectivo destes traballos é favorecer a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións destes hospitais

A obra forma parte das actuacións impulsadas desde a Xunta para favorecer a accesibilidade en distintos centros hospitalarios públicos galegos, que no caso da provincia da Coruña supoñen un investimento de 1 millón de euros

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020

A Xunta vén de rematar as obras de mellora dos aparcadoiros e da vía de acceso ao hospital Naval de Ferrol.

Os traballos, iniciados na segunda quincena de agosto, consistiron na renovación do firme do vial perimetral, de preto de 1 quilómetro de lonxitude, ademais de actuar sobre uns 5.000 m2 dos aparcadoiros.

A intervención forma parte das actuacións que se executan tamén nas accesos aos hospitais Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos, e que supoñen un investimento conxunto de 200.000 euros. O conxunto das obras dispoñen dun prazo de execución de 5 meses.

Os traballos céntranse nos viarios e aparcamentos, fundamentalmente na renovación do firme e na reparación das beirarrúas deterioradas.

O obxectivo das obras é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos destes hospitais, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións hospitalarias.

As obras no caso dos hospitais Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos recollen a renovación do firme nos treitos máis deteriorados.

Ademais a intervención inclúe a mellora da sinalización interior e exterior dos tres hospitais.

A execución destes traballos está coordinada cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuacións, polo que as obras se realizan de xeito compatible cos equipos técnicos sanitarios para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.

No caso concreto das actuacións no centro hospitalario Arquitecto Marcide, as intervencións fanse de xeito coordinado coas obras de ampliación que están en execución desde o pasado outono.

Estas actuacións enmárcanse nun contrato máis amplo co que se impulsan acondicionamentos similares nas contornas de centros hospitalarios públicos da provincia e que supoñen un investimento global de 1 millón de euros.

Imaxes relacionadas