A Xunta apoia a 34 entidades veciñais da provincia de Ourense cun investimento de 511.300 euros

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá as actuacións levadas a cabo na Asociación de veciños de Casar e Balboa de Lamas en Pena Corneira para ampliar o local social e equipar as instalacións

A Xunta apoia o movemento veciñal e a dinamización da vida local para que as entidades veciñais poidan manter a súa actividade e mellorar os seus servizos

O Goberno galego destinou na convocatoria deste ano 2,5 M€ a 190 asociacións

Leiro (Ourense), 22 de outubro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe as melloras levadas a cabo no local social da Asociación de veciños de Casar e Balboa de Lamas en Pena Corneira, no municipio ourensán de Leiro. Na visita estiveron acompañados polo alcalde da localidade, Francisco José Fernández.

A entidade veciñal recibiu case 17.000 euros este ano para ampliar as súas instalacións, así como para a adquisición de mobiliario para o espazo da cociña.

Trátase dunha das 34 asociacións da provincia ourensá ás que a Xunta destinou uns 511.300 euros ao financiamento de proxectos no marco do Plan de acción comunitaria, no que se engloban as subvencións a estes colectivos. O investimento do Goberno galego na convocatoria deste ano acadou os 2,5 millóns de euros, o que permitiu apoiar as iniciativas de 190 entidades beneficiarias na comunidade galega.

Natalia Prieto sinalou que a Administración autonómica apoia así a dinamización da vida local e a consolidación do movemento veciñal a través de axudas coas que as asociacións de veciños, comunidades de usuarios de auga e asociacións de mulleres rurais poden manter a súa actividade e mellorar os servizos dirixidos a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

As axudas van destinadas a financiar tanto obras como a adquisición de equipamentos en inmobles de titularidade das entidades beneficiarias ou das que lles corresponda dereito de uso, así como a reparación de traídas de auga veciñais. No caso da Asociación de veciños de Casar e Balboa de Lamas en Pena Corneira, case 12.000 euros para a realización de obras no local social e 5.000 para a dotación de mobiliario.

Ademais de apoiar ás asociacións veciñais, a Xunta tamén colabora co concello de Leiro noutras actuacións a través doutras liñas de axudas que supuxeron nos últimos anos un investimento de case un millón de euros. Tanto a través do Fondo de Compensación Ambiental ou a Orde de Infraestruturas de uso público, así como en proxectos conxuntos coa Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro da que forma parte ou da Mancomunidade Turística que integra cos municipios do Carballiño, Ribadavia e Boborás.

Imaxes relacionadas