Conde defende que os fondos da UE son unha oportunidade para dar o impulso definitivo á modernización da industria naval galega

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, demanda na apertura do congreso Maritime Trends Summit un compromiso claro e rotundo por parte do Goberno

Apunta que “necesitamos que a implicación que estamos vendo en países como Alemaña, Francia ou Holanda a sintan tamén aquí os nosos estaleiros”

Subliña que Galicia ten potencial, infraestruturas, capital humano e empresas para marcar o rumbo cara ás novas tendencias no sector

Vigo, 22 de outubro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe durante a súa participación por vía telemática no congreso online Maritime Trends Summit, organizado por Asime en Vigo, que os fondos da Unión Europea son unha oportunidade para dar o impulso definitivo á modernización da industria naval e identificar proxectos de transformación.

Un obxectivo no que, sinalou, se necesita a colaboración do Estado. Así, apuntou o vicepresidente económico que “necesitamos que o Goberno ofreza un compromiso claro e rotundo co sector naval”, definíndoo como un sector prioritario e estratéxico e garantindo que os estaleiros galegos partan en igualdade de condicións na utilización dos fondos europeos fronte a outros países da Unión Europea. “Necesitamos que a implicación que estamos vendo en países como Alemaña, Francia ou Holanda a sintan tamén aquí os nosos estaleiros por parte do Goberno de España”, engadiu.

Francisco Conde remarcou que se Galicia está en condicións de sacar todo o potencial á súa industria naval e asumir o liderado é porque sempre se traballou man a man co sector, unha alianza público-privada clave para afrontar os retos de futuro que esta industria ten por diante, que están tamén condicionados pola crise da covid-19. Subliñou o vicepresidente económico que Galicia ten potencial, infraestruturas, capital humano e empresas para marcar o rumbo cara ás novas tendencias no naval.

A carteira de pedidos do naval galego no segundo trimestre deste ano está valorada en 824 millóns de euros, 23 de 52 contratos a nivel estatal, co que Galicia mantén o seu liderado. Ademais, os dez principais estaleiros galegos teñen unha facturación consolidada superior aos 1300 millóns de euros.

Imaxes relacionadas