Sanidade anuncia novos plans de continxencia para garantir a asistencia sanitaria nos centros galegos

Os programas gozarán dun carácter transversal e flexible que posibilitará o seu axuste en función das necesidades epidemiolóxicas e asistenciais de cada momento

Galicia é arestora a comunidade autónoma con menor porcentaxe de ocupación hospitalaria por covid-19

García Comesaña subliña que a prevención é o mellor plan de continxencia posible para evitar a expansión do virus

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta tarde no Parlamento de Galicia que o departamento sanitario da Xunta está a elaborar novos plans de continxencia para afrontar con garantías as necesidades asistenciais dos centros sanitarios galegos, así como para actuar dun xeito máis eficiente ante as diferentes patoloxías respiratorias que presenten os seus pacientes.

O titular de Sanidade informou que a totalidade das áreas sanitarias galegas están xa a traballar na confección de novos programas de continxencia cos que facer fronte á incidencia da covid-19 en Galicia. Deste xeito, os novos plans de continxencia están deseñados para abordar dun xeito conxunto tanto as patoloxías relacionadas coa gripe, como con outras enfermidades respiratorias.

Así, e baixo a coordinación da dirección xeral de Asistencia Sanitaria, o Conselleiro avanzou que estes plans gozarán dun carácter transversal e flexible, que posibilitará o seu axuste en función das necesidades epidemiolóxicas e asistenciais de cada momento. Ademais, apuntou que recollerán todos os recursos e medidas operativas necesarias para garantir uns servizos sanitarios axeitados, tanto nos centros de atención primaria, como nos centros de atención hospitalaria de Galicia.

Os novos programas de continxencia permitirán que todas as áreas sanitarias dispoñan de información actualizada sobre a situación epidemiolóxica e asistencial dos centros, de xeito que os profesionais sanitarios poderán avaliar cunha maior rapidez o impacto que as patoloxías respiratorias teñan na atención sanitaria.

García Comesaña remarcou que estes plans veñen a engadirse aos xa elaborados pola consellería de Sanidade desde o inicio da pandemia, citando entre outros: o plan de reactivación asistencial, o plan de atención domiciliaria, o plan de actuación fronte aos gromos, ou o plan de urxencias.

Nesta mesma liña, destacou a importancia que están a ter o conxunto de medidas establecidas pola Xunta nos diferentes concellos galegos, subliñando que a prevención é o mellor Plan de continxencia posible para frear a expansión do coronavirus.

O conselleiro de Sanidade puxo en valor o conxunto de medidas implementadas até o de agora en Galicia, como foron os cribados realizados a diferentes colectivos profesionais (docentes, sanitarios, temporeiros ou corpos de seguridade) nos que se testou a máis de 40.000 persoas, o importante labor que desempeñan todas as persoas que participan nas tarefas de rastrexo de casos, os cribados quincenais que se están a desenvolver nas residencias de maiores, ou o incremento dun 30% no número de vacinas mercadas pola administración galega para levar a cabo a campaña de vacinación da gripe.

Durante a súa intervención, tamén apuntou que esta semana, o xerente do Sergas, José Flores, mantivo senllas reunións coas diferentes sociedades científicas de medicina familiar e atención primaria, co ánimo de coñecer as súas necesidades e así poder planificar dun xeito conxunto as respostas que se precisarán nos vindeiros meses.

Os datos epidemiolóxicos avalan as medidas adoptadas polo Comité clínico

O máximo responsable da Sanidade galega valorou dun xeito positivo o conxunto de medidas adoptadas polo Comité clínico que fai seguimento da covid-19 na nosa comunidade, así, lembrou que a incidencia acumulada desta enfermidade en Galicia, está na metade do que reflicte a media nacional.

Neste senso, achegou os datos que sitúan arestora a Galicia como a rexión española cunha menor porcentaxe de camas UCI ocupadas por pacientes covid, cun 6’7% fronte ao 21’5 % da media nacional; e tamén as cifras que a deixan como a Comunidade Autónoma, xunto con Cantabria, con menor ocupación hospitalaria por mor do coronavirus, cun 4’2% de camas ocupadas por covid, respecto do 11% que rexistra a media española.

Antes de rematar a súa alocución, e tras facer un novo chamamento respecto da necesidade de extremar as medidas de prevención para evitar novos contaxios, García Comesaña voltou ter palabras de agradecemento para o persoal dos servizos sanitarios galegos, cualificando como extraordinario o seu traballo e dedicación.

Imaxes relacionadas