Máis de medio millón de persoas inscribíronse no rexistro de viaxeiros de Sergas dende a súa posta en marcha

O 86% procedían doutra comunidade autónoma española e o 14% do estranxeiro

Fixéronse máis de 10.000 PCR a visitantes e detectáronse 1.604 casos positivos por covid-19 entre os viaxeiros e os seus contactos estreitos
 

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

Máis de medio millón de persoas inscribíronse no Rexistro de viaxeiros do Servizo Galego de Saúde dende a súa posta en marcha hai catro meses. Así o manifestou hoxe en sede parlamentaria o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que avaliou de xeito moi positivo o funcionamento este sistema.

Segundo informou Comesaña, o 86% das persoas rexistradas procedían doutra comunidade autónoma española e o 14% restante viñan do estranxeiros. Grazas a este rexistro, foi posible detectar 951 casos positivos por covid-19 entre os viaxeiros, tras realizar máis de 10.000 probar PCR. Ademais, o sistema de seguimento permitiu localizar 2.239 contactos estreitos e facerlles as probas pertinentes, grazas ás que se detectaron outros 653 casos positivos máis.

O conselleiro afirmou que o bó fucionamento deste sistema animou ao seu departamento a tomar medidas semellantes. Dende o 30 de setembro esíxense test serolóxicos ou outras probas similares para os equipos e deportistas procedentes doutras comunidades no ámbito das competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal, sempre no caso de modalidades deportivas que poidan implicar contacto, ante a falta dun protocolo claro por parte do Ministerio.

Xustificación do rexistro

Julio García Comesaña lembrou que, cando Galicia puxo en marcha o Rexistro de viaxeiros, a nosa comunidade fora a primeira en saír do Estado de alarma e acadar a chamada “nova normalidade” e que era tan só cuestión de tempo que o resto das comunidades autónomas fixeran o propio, así como que o país se abrira de novo ao turismo extranxeiro.

Foi neste contexto cando se instaurou a obriga de comunicación de datos ao Servizo Galego de Saúde de todas aquelas persoas que estiveran, nos 14 días previos á entrada na nosa comunidade, nun listado de territorios onde existira unha alta incidencia da covid ou onde non se dispoña de datos fiables sobre a súa situación epidemiolóxica. Así mesmo, establécense medidas para os visitantes con sintomatoloxía compatible coa covid-19, creando mecanismos de aviso, de illamento, e de comunicación co servizo sanitario galego.

Á vista dos resultados, o conselleiro destacou que “o Rexistro de viaxeiros confírmase como unha inciativa exitosa, que é un mecanismo máis a disposición do excelente sistema de rastrexo existente en Galicia e un proxecto pioneiro que axuda a este sistema a destacar como un dos máis eficaces”.

Imaxes relacionadas