Conde defende que a venda da planta de aluminio primario de Alcoa en San Cibrao é a mellor saída para todas as partes

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, advirte de que, se a empresa mantén a súa decisión unilateral de parar as cubas, non se desbota ningunha medida administrativa ou xudicial para reverter a situación

Lembra que a Xunta avanza na defensa desta industria en Galicia a través da súa declaración como sector esencial e estratéxico

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defendeu esta tarde no Parlamento galego que a mellor saída para todas as partes é que Alcoa acepte a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao.

Conde sinalou que non se desbota ningunha medida administrativa ou xudicial para reverter a decisión unilateral da compañía, que, tal e como subliñou, prexudica a todas as partes, incluída a propia Alcoa. Así, parar as cubas e deixar de producir aluminio primario na Mariña non só lle suporía á empresa abonar os gastos polos despedimentos; senón que esta tería que devolver 50 millóns de euros polas axudas recibidas en compensación dos custos por emisións de CO2, xa requiridas polo Ministerio de Industria; e facer fronte a todas as obrigas de carácter medioambiental. Neste contexto, o Parlamento galego aprobou hoxe demandar ao Goberno central a intervención pública temporal de Alcoa para a súa posterior venda a un investidor privado.

Tamén é necesario contar cun prezo eléctrico competitivo que garanta o futuro da industria electrointensiva. Este sector paga en España por riba de 45€/MWh, máis do dobre fronte aos 21,73 de Francia e os menos de 20 en Alemaña. Neste sentido, é preciso que o Goberno presente un marco enerxético estable no que inclúa a aprobación canto antes do Estatuto do consumidor electrointensivo, e a ampliación das compensacións polos custos indirectos de CO2.

Conde, que unha vez máis reiterou que a unidade de acción será determinante para acadar a mellor solución posible, lembrou que a Xunta avanza na defensa da industria electrointensiva galega a través da súa declaración como sector esencial e estratéxico. Grazas a esta declaración, terán prioridade os proxectos de ampliación, modernización ou transformación destas empresas en Galicia, reducindo á metade os prazos de tramitación sempre que cumpran todas as esixencias desde o punto de vista lexislativo, técnico e ambiental.