Profesionais das viaxes de incentivos coñecen Galicia como destino ideal para o turismo de congresos e reunións

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na presentación desta viaxe de familiarización incluída na iniciativa Galicia MICE, promovida pola Xunta en conxunto co sector turístico

Un grupo de nove turoperadores nacionais especializados en viaxes de incentivos visitan estes días espazos, aloxamentos e recursos turísticos en territorio galego adecuados para acoller eventos

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na presentación da viaxe de familiarización que esta semana acolle Galicia no marco das actividades do programa Galicia MICE, impulsado polo sector vencellado ao turismo de congresos, incentivos e reunións, en colaboración coa Xunta e o Clúster Turismo de Galicia.

Trátase dun grupo de nove profesionais pertencentes a algunhas das principais axencias de viaxes de incentivos a nivel nacional que este días visitan diferentes espazos, aloxamentos e recursos turísticos nas provincias da Coruña e Pontevedra. A súa estancia en terras galegas comezou onte en Compostela e rematará mañá en Vigo, tras visitar Muxía, A Coruña, Oleiros, Rois e Vilanova de Arousa e participar nun workshop de traballo coas empresas MICE galegas.

Durante a presentación Nava Castro destacou o apoio que “desde o minuto un” lle deu o Goberno galego ao sector turístico “e nomeadamente a este colectivo, fortemente afectado como consecuencia do coronavirus”. “Administración e sector queremos transmitir que coas adecuadas medidas hixiénico sanitarias e estritos protocolos establecidos que fan de Galicia un destino seguro, será posible levar a cabo eventos presenciais”, explicou a directora de Turismo de Galicia, que destacou que “serán eventos adaptados ás actuais circunstancias, nos que a tecnoloxía e a sustentabilidade terán un importante peso pero temos claro que Galicia reúne todas as condicións para ser un destino MICE ideal”.

Castro tamén destacou o convenio que a Xunta asinou co sector MICE galego e que suporá un investimento total de 200.000 en accións que permitan ao sector adaptarse e ofrecer unha resposta á nova realidade. Un convenio no marco do que se puxo en marcha, por exemplo, o Plató Galicia MICE, que permite desenvolver xornadas e congresos vía streaming.

Imaxes relacionadas