Unha publicación do CSIC recolle as conclusións do 'X Coloquio Internacional Compostela' impulsado pola Xunta

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación da obra do investigador do CSIC Antón M. Pazos sobre a celebración do coloquio en 2016

Baixo o título “Relics, Shrines and Pilgrimages. Sanctity in Europe from Late Antiquity”, o título publicado pola editorial británica Routledge céntrase na influencia das reliquias no impulso das peregrinacións

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) a presentación do libro “Relics, Shrines and Pilgrimages. Sanctity in Europe from Late Antiquity” (Reliquias, Santuarios e Peregrinacións. A santidade en Europa desde Antigüidade tardía), de Antón M. Pazos, científico do CSIC neste instituto de investigación. A presentación da obra, que analiza o papel das reliquias na evolución das peregrinacións, contou tamén coa presenza do director do IEGPS, Eduardo Pardo de Guevara.

A obra presentada é froito da recolla das principais conclusións X Coloquio Internacional Compostela que se celebrou en Compostela en 2016 co apoio da Xunta, e que contou coa participación de 16 prestixiosos expertos nacionais e internacionais que analizaron as reliquias como elementos esenciais no xurdimento e evolución dos santuarios de peregrinación europeos desde a Idade Media ata a actualidade.

Durante a presentación Nava Castro destacou a relevancia e consolidación acadada por estes coloquios internacionais, que sitúan á cidade compostelá no centro da investigación do fenómeno das peregrinacións e loubou un traballo “de especial interese para os estudiosos no ámbito da peregrinación pero tamén para aqueles interesados na historia relixiosa ou na antropoloxía, a arte ou os estudios culturais”

A obra, composta de catro bloques e 13 capítulos elaborados por 18 especialistas na materia está publicado na editorial británica Routledge, onde xa se publicaron outros cinco volumes vencellados ao coloquios internacionais e ao fenómeno xacobeo.

Imaxes relacionadas