A Xunta inicia as obras de rehabilitación da Casa do Legoeiro do Outo do Cumial e de posta en valor da contorna da Vía da Prata, ao carón da estrada autonómica OU-105, no concello de Ourense

Os traballos, cun investimento de preto de 48.000 euros, prevén o seu remate entre finais de novembro e principios de decembro

Trátase dunha actuación de mellora e de integración paisaxística na contorna do Camiño de Santiago, que se suma ás actuacións realizadas nesta vía para o incremento da seguridade, en Seixalbo, incidindo tamén na mellora da Vía da Prata
 

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de rehabilitación da casa do legoeiro do Outo do Cumial e de posta en valor da contorna da Vía da Prata, ao carón da estrada autonómica OU-105, no municipio de Ourense.

Esta intervención foi adxudicada á empresa Extraco Construccions e Proxectos, S.A por un importe de preto de 48.000 euros e prevé o seu remate entre finais de novembro e principios de decembro.

As obras que se inician hoxe consisten na mellora e integración paisaxística na contorna do Camiño de Santiago, foi validada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e vense sumar a outras melloras realizadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta: como a mellora da seguridade viaria na propia OU-105, en Seixalbo, que tamén incidiu na mellora da Vía da Prata.

A casa do legoeiro

A casa do legoeiro utilízase na actualidade como edificación de servizo para os labores de conservación de estradas do departamento de Infraestruturas da Xunta e nos últimos anos realizáronse melloras interiores para mellor organización do servizo.

Con esta actuación búscase manter a configuración orixinal dos edificios da casa do legoeiro, dos anos 50, e liberar as vistas do cruceiro, derribando as construcións anexas.

Para iso, os traballos inclúen o derribo total das edificacións anexas e a retirada dos elementos da cuberta da casa do legoeiro, para a súa reparación e consolidación. Os cerramentos exteriores mantéñense e executaranse co mantemento das fachadas de cantería e fabrica existente.

Ademais, na contorna, a Xunta está a realizar melloras no paso dos peregrinos no Cumial, de modo que sexan encamiñados ao punto máis seguro de cruce da estrada.
 

Imaxes relacionadas