A Xunta apoia as xornadas en homenaxe a Valle-Inclán que se celebrarán desde o venres en Vilanova de Arousa

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación das actividades que incluirán unha representación teatral, unha lectura pública ou a presentación da edición conmemorativa do centenario de ‘Luces de Bohemia’

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 20 de outubro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da Semana da Cultura de Vilanova de Arousa en homenaxe ao dramaturgo galego Ramón María del Valle-Inclán que se celebrará desde este venres día 23 ata o 1 de novembro co apoio da Xunta de Galicia.

Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo de manifesto a importancia de manter iniciativas culturais como estas, “especialmente nun momento tan complexo como este, no que a cultura debe seguir ofrecendo propostas de xeito seguro que permitan que os profesionais do sector sigan traballando e os galegos poidamos seguir participando nestas actividades”, explicou. Neste sentido, recordou a aposta do Goberno galego por buscar fórmulas que garantan que a cultura continúe, apoiando novas ideas e formatos e velando polo emprego no sector ao abeiro do Plan de Reactivación cultural, que facilitou a posta en marcha de preto de 4.500 accións desde abril.

Anxo M. Lorenzo animou a participar nos actos programados este ano que incluirán a lectura pública na Casa Museo Valle-Inclán, unha ofrenda floral, unha representación teatral, así como diferentes conferencias sobre a figura do dramaturgo.

Ademais, o sábado 31 está prevista a presentación da edición conmemorativa do centenario de Luces de Bohemia a cargo de José María Paz Gago, editor literario, e Basilio Rodríguez Cañada, presidente do Grupo Editorial Sial-Pigmalión.
 

Imaxes relacionadas