Doentes do Deza contan cun novo centro de hemodiálise extrahospitalaria que evitará uns 20.000 quilómetros de traslado en ambulancia ao mes

O novo servizo acollerá os primeiros 24 doentes mañá mesmo

Supón unha mellora na acessibilidade dos pacientes dos concellos de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces ao evitar o seu desprazamento fóra da comarca

Lalín, 20 outubro de 2020

A nova unidade de hemodiálise extrahospitalaria no concello de Lalín comezará a recibir os primeiros 24 doentes mañá mesmo, o que lles evitará realizar uns 20.000 quilómetros de traslado en ambulancia ao mes ata Santiago. Hoxe achegouse a coñecer as instalacións do centro o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto ao alcalde de Lalín, José Crespo, a xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela, Eloína Núñez e a presidenta da Fundación Renal Iñigo Alvarez de Toledo, Isabel Entero, fundación responsable deste centro concertado.

O novo servizo conta con 15 postos de hemodiálise on line e está dotado coa máis moderna tecnoloxía no seu ámbito. Ubicado na rúa da Ponte, ocupa unha superficie de 552 m2 e ten unha importante capacidade de crecemento futuro de ata 60 doentes.

Os 24 primeiros doentes da comarca dezá que evitarán desde mañá o seu desprazamento ata Santiago, disporán dunha unha ampla e luminosa sala de hemodiálise de 150 m2 onde recibirán as 13 sesións mensuais que de media necesita cada doente. Ademais o centro conta cunha sala para doentes que necesiten dializarse illados, sala de espera, vestiarios, consulta médica e de enfermería, así como despacho do grupo de Apoio ao Paciente (psicólogo e traballador social). As novas instalacións teñen tamén unha moderna planta de auga que garante unha diálise online cos máis altos estándares de calidade.

Con esta medida, a xerencia sanitaria compostelá pretende achegar o servizo de hemodiálise aos doentes dos concellos de Agolada, Lalín, Dozón, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces, con patoloxía renal que precisan deste tratamento, ao obxecto de acadar unha maior comodidade na súa atención e evitar que teñan que desprazarse varios días á semana fóra da comarca do Deza para recibir tratamento.

Esta nova prestación busca satisfacer as necesidades dos doentes ao facilitar o servizo achegando tanto física como temporalmente o tratamento aos pacientes e ao seu entorno familiar. Tamén se minimizarán os eventuais inconvenientes relacionados cos desprazamentos.

Con esta medida, a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso de achegar as prestacións sanitarias o máis preto posible dos usuarios.

Imaxes relacionadas