Gonzalo Trenor destaca o investimento de 2,2 M€ en 6 proxectos de aforro enerxético en edificios da Universidade da Coruña

O delegado da Xunta na Coruña asistiu, xunto co reitor, Julio Abalde ao inicio das obras de mellora de eficiencia enerxética no pavillón de deportes del campus de Elviña

A Coruña, 20 de outubro de 2020

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, visitou as obras de mellora da eficiencia enerxética que se iniciaron no pavillón de deportes do campus de Elviña na Universidade da Coruña. O representante do Goberno autonómico destacou que “nesta convocatoria foron seleccionados 6 proxectos da UDC de aforro enerxético que contarán con axudas de máis de 2,2 millóns de euros, concretamente neste pavillón, no edificio de La Normal, no reitorado, na facultade de Humanidades de Ferrol no EPS de Ferrol e na facultade de Arquitectura”. Estas obras permitirán que a Universidade da Coruña poida aforrar unha media de 240.000 euros ano.

Concretamente, a actuación no pavillón de Elviña conta cunha axuda do Instituto Enerxético de Galicia de máis de 696.000 euros para levar a cabo a mellora da envolvente do edificio(cuberta e fachada), substitución de iluminación por tecnoloxía Led (146 puntos de luz) e substitución da instalación térmica eléctrica por bombas de calor (cambio de radiadores e termos eléctricos por dúas bombas de calor de 25 kW e 7 radiadores de baixa temperatura)

Gonzalo Trenor destacou que “as axudas da convocatoria de proxectos de enerxías renovables térmicas e proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética para as universidades públicas de Galicia realizouse este ano por primeira vez e están cofinanciadas con fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020”.

A través desta convocatoria desenvolveranse dous tipos de actuacións, por unha parte proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética e por outra banda proxectos de enerxías renovables térmicas.

O obxectivo é favorecer a transición a unha economía baixa en carbono, apoiar a eficiencia enerxética, favorecer a produción e distribución da enerxía derivada de fontes renovables.

O presuposto total da convocatoria é de 5,9 millóns de euros.

Esta convocatoria resolveuse en decembro de 2019.O Inega concedeu axudas a 16 proxectos de Aforro e Eficiencia Enerxética e a 2 proxectos de Enerxía Renovable Térmica cun investimento total de máis de 6,3 millóns de euros dos cales máis de 2,2 millóns de euros destínanse a proxectos da universidade coruñesa.

Imaxes relacionadas