A Xunta adxudícalles 2,5 M€ en axudas a 20 novas producións audiovisuais galegas, que mobilizarán preto de 19 M€ no sector

Publícase na web da Agadic a resolución da convocatoria de 2020, que incrementou a súa dotación nun 25% respecto ao ano anterior

Entre as fitas subvencionadas, case a metade delas dirixidas por mulleres, nove veñen avaladas polo apoio autonómico obtido en anos anteriores para as súas fases de preprodución e escrita de guión

As produtoras adxudicatarias levarán a cabo 11 longametraxes cinematográficas (cinco de ficción, unha de animación e cinco documentais), seis curtas, dúas miniseries e un filme para televisión

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2020

A Xunta de Galicia vén de publicar a adxudicación das súas subvencións anuais para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, a través das que inviste 2,5 millóns de euros en 20 novos traballos para cine e televisión. Esta contía, que supón un incremento do 25% respecto da dotación convocada en 2019, contribuirá á mobilización de 18,8 millóns de euros no sector audiovisual galego, cantidade que resulta da suma dos orzamentos dos proxectos beneficiarios, entre os que se atopan 11 longametraxes cinematográficas (cinco de ficción, cinco documentais e unha de animación), seis curtas, dúas miniseries e un filme para televisión.

A resolución da convocatoria de 2020, que pode consultarse na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén confirmar o paulatino aumento da presenza feminina nos equipos das producións audiovisuais galegas, de xeito que nove dos títulos seleccionados este ano pola comisión avaliadora contan con mulleres á fronte da súa dirección. Así, no apartado de longametraxes de ficción, Esnatu Zinema resultou adxudicataria de 249.762 euros para a coprodución galego-portuguesa O corno do centeo, da realizadora Jaione Camborda, mentres que Diana Toucedo dirixirá La lechuga, coprodución galego-canaria pola que Frida Films recibirá 198.811 euros.

 

Documentais dirixidos por mulleres

A realización feminina é, ademais, maioritaria no caso dos documentais, entre os que figuran os próximos traballos de Berta Pan Outeiriño (Patarinos, con produción de Sétima S. Coop. Galega), Laura Blanco e Valeria Roig (Paisaxe épica, de Viva Zapata y Villar) e Ruth Chao (A viaxe de Lucy, de Somadrome Films), todos eles subvencionados con 59.943 euros, así como Gnadinger, de Zeltia Outeiriño, para o que Vizuals Lab conta cunha axuda de 44.957 euros.

Pola súa banda, Noelia Muíño e Zaza Ceballos encargaranse da dirección da miniserie televisiva Sofía Casanova, a obreira do pensamento, pola que Zenit TV recibirá 259.753 euros; mentres que na modalidade de curtametraxes resultaron subvencionadas con 15.000 euros O neno sardiña, de Lucía Estévez e Cósmica Producións, e Eu vou contigo, coprodución galego-brasileira encabezada por Abano Producións, na que Camila Kater (dirección) e Chelo Loureiro (guión) volven compartir camiño tras o éxito da premiada Carne.

Apoio económico desde o nacemento dos proxectos

Así mesmo, sobresae na listaxe dos 20 proxectos subvencionados en 2020 a cifra de títulos que veñen avalados cunha axuda previa da Xunta para a escrita do seu guión mediante a convocatoria específica para a promoción do talento audiovisual galego ou para o desenvolvemento dos proxectos na súa fase de preprodución. É así en nove dos títulos adxudicatarios, nos que se materializa o obxectivo prioritario do programa autonómico de axudas ao sector no sentido de acompañar as producións audiovisuais galegas desde a súa orixe, impulsando economicamente cada unha das fases previas á súa chegada ás pantallas.

Neste caso e ademais das xa mencionadas O corno do centeo, La lechuga, Sofía Casanova, a obreira do pensamento e Gnadinger, atópase Unicorn Wars, longa de animación de Alberto Vázquez, cunha axuda de 259.753 euros, a mesma contía que lle foi concedida a Matriuska Producións para Algo parecido á felicidade, de Álvaro Gago, e a Filmika Galaika para Ariel, de Lois Patiño e o realizador arxentino de orixe galega Matías Piñeiro.

Ademais, nesta relación de proxectos que veñen contando con apoio xa desde as etapas previas figuran tamén El hombre de Zara, biopic televisivo sobre Amancio Ortega, con dirección de Norberto López Amado e para o que Serie Tmoz é adxudicataria de 239.772 euros nesta convocatoria; e o documental María Casares: a muller que viviu mil vidas, con Xavier Villaverde na dirección e unha subvención de 59.943 euros para Agallas Films.

Completan a selección de producións e coproducións beneficiarias desta convocatoria o novo traballo cinematográfico de Jorge Coira, quen tras o éxito da serie Hierro, dirixirá Proxecto Emperador, producida por La Ley del Plomo cunha axuda de 239.772 euros; así como A máscara, de Alfonso Zaraura, filme para televisión cunha subvención de 158.136 euros para Maruxiña Film Company, e as curtas Non te vexo, de Xacio Baño; Monte, de Álvaro Gago; A rabia, de Alberto Díaz e Sen ti, coprodución galego-libanesa encabezada por Zeitun Films, todas elas apoiadas con 15.000 euros.

Imaxes relacionadas