O titular do Goberno galego visitou as instalacións da entidade Ecos do Sur

Feijóo anuncia a ampliación da Tarxeta Básica por tres meses máis, para axudar á adquisición de produtos básicos ás familias vulnerables que o precisen

A dita tarxeta achega entre 450 e 900 euros ao trimestre, dependendo do número de persoas que conforman a unidade familiar

Recorda que o beneficiario pode acceder a esta tarxeta a través da Cruz Vermella ou dos servizos sociais do seu concello recibíndoa nun prazo máximo de 72 horas para adquirir produtos de alimentación, hixiene e farmacia

Destaca a orde de axudas aprobada a semana pasada para entidades sociais, que supera os 17 M€, un incremento do 12% respecto da convocatoria anterior

A Coruña, 19 de outubro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Tarxeta Básica, que achega entre 450 e 900 euros trimestrais –dependendo do número de persoas que conforman a unidade familiar— a familias vulnerables, ampliará a súa vixencia por tres meses máis. “Ampliamos de 3 a 6 meses esta tarxeta extraordinaria para garantir que as persoas con dificultades poidan adquirir produtos de alimentación, hixiene e farmacia”, aseverou.

Durante unha visita ás instalacións da entidade Ecos do Sur na Coruña, Feijóo explicou que, grazas a esta prórroga, as persoas que recibiron estes apoios nos meses de xullo, agosto e setembro poderán volver solicitalo para recibilo durante 3 meses máis, isto é, ata finais de ano. E os novos solicitantes terán a oportunidade tamén de acceder á Tarxeta sabendo que pode ser un apoio extra para as súas necesidades durante medio ano.

O titular do Goberno galego salientou a simplicidade do proceso para acceder á Tarxeta Básica, xa que o solicitante pode facelo a través da Cruz Vermella ou dos servizos sociais do seu concello e recibiraa nun prazo máximo de 72 horas. “Estamos a falar pois dunha axuda urxente e case inmediata, que alivia e facilita o traballo dos servizos sociais dos concellos e que non estigmatiza, ao ser unha tarxeta anónima”, dixo, subliñando que desde a súa aprobación en xullo xa se beneficiaron dela 7.000 familias.

Nesta mesma liña, Feijóo lembrou que o Goberno galego traballou para apoiar a aquelas persoas cuxas dificultades se incrementaron debido á covid. Nun primeiro momento a través do Plan de continxencia, para parar o primeiro impacto da crise e, posteriormente, co Plan de recuperación social, con máis de 60 millóns de euros para mitigar a situación dos fogares vulnerables.

Incremento do apoio ás entidades sociais

Durante a súa visita a Ecos do Sur, o presidente do Goberno galego garantiu o compromiso da Xunta coas entidades sociais, referíndose como exemplo á orde de axudas aprobada a semana pasada para entidades de inclusión social e que supera os 17 millóns de euros, un incremento do 12% respecto da convocatoria anterior.

Feijóo resaltou e agradeceu o labor “imprescindible” de Ecos do Sur, unha entidade que leva 30 anos traballando pola integración das persoas migrantes e das que pasan apuros económicos. E constatou o respaldo ao seu traballo, cunha achega de máis de 550.000 euros dentro da orde de axudas aprobada.

Imaxes relacionadas