A Xunta colabora co concello de Dozón na reparación da rede de abastecemento de auga de varios núcleos do municipio

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o concello ao que destinou unha axuda de 32.000 euros para este fin

A Xunta aposta pola colaboración cos concellos para que poidan prestar servizos que contribúan a mellorar a calidade de vida dos seus veciños

Dozón (Pontevedra), 19 de outubro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o concello de Dozón, onde o Goberno galego destinou 32.000 euros á reparación da rede de abastecemento de auga dos núcleos de Cubelos e A Gouxa. Ao acto tamén acudiu a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

A Xunta dá resposta así a esta necesidade do municipio que requiría actuar con urxencia para garantir o abastecemento domiciliario de auga potable. Deste xeito, o Goberno galego subvenciona a substitución do actual tanque por dous depósitos prefabricados e a instalación dun novo sistema hidráulico de saída para reparar os defectos no sistema da rede de abastecemento.

O proxecto alíñase cos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, que este ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros dirixidos a financiar os custos dos concellos en servizos dedicados á protección do medio ambiente e o espazo natural, ao impulso da eficiencia enerxética, á conservación da biodiversidade e á utilización do uso recreativo e didáctico dos recursos naturais de Galicia.

Alfonso Rueda destacou que a Administración autonómica financia “pequenas actuacións” que “son moi útiles” e “benefician a moitísimas persoas” ao mellorar o funcionamento dos servizos e das infraestruturas municipais. Grazas a isto, os concellos poden prestar servizos de calidade que redundan no benestar dos seus veciños.

Así, explicou que iniciativas coma estas seríanlle máis complicado de executar ás entidades locais en solitario, de aí a importancia da colaboración entre administracións, como a que se vén mantendo nos últimos anos con Dozón, cun investimento que supera os 128.000 euros noutras melloras ambientais.

Imaxes relacionadas