Empresas e centros de coñecemento presentan materiais innovadores creados en Galicia para o sector do contract

A Xunta ten aberta a inscrición para o novo workshop do ciclo ‘Materiais para o futuro’, que terá lugar o 22 de outubro

O CTAG, a UDC e as empresas Vertifil e Extraco presentarán materiais para illamento acústico, valorización de cinzas para a ecoconstrución, formigóns con residuos de mexillón e materiais intelixentes para a arquitectura singular

A Axencia Galega de Innovación (Gain) organiza esta actividade, na que Igape e Xera tamén darán a coñecer as liñas de apoio público ao sector contract
 

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2020

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de innovación (Gain) dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, organiza o vindeiro 22 de outubro o segundo workshop do ciclo online Materiais para o futuro. Dúas empresas e dous centros de coñecemento galegos presentarán os seus materiais innovadores creados especificamente para o sector do contract, que aglutina ás empresas de mobiliario, iluminación, tecidos, equipamento, deseño de interiores e decoración.

Materiais para illamento acústico, valorización de cinzas para a ecoconstrución, formigóns formulados a partir de residuos de mexillón e materiais intelixentes para a arquitectura singular procedentes do sector da automoción. Estes son algúns dos materiais máis innovadores creados en Galicia con aplicacións no sector do contract e serán presentados no workshop polos seus creadores: o Centro Tecnolóxico de Automoción (CTAG), o Grupo de Construción da Universidade da Coruña (UDC) e as empresas Vertifil e Extraco.

Ademais, desde o Igape e a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) serán expostas as liñas de apoio da Xunta para este sector. O workshop completarase cun percorrido por unha selección internacional de materiais innovadores neste ámbito da man de Materially.

O ciclo Materiais para o futuro consta de tres workshops en liña destinados a explorar as oportunidades de futuro que ofrecen os novos materiais para a innovación empresarial mediante o deseño. O último terá lugar o 12 de novembro e estará dedicado ás oportunidades e novas tendencias no ámbito do CMF (cor, materiais e acabado).

Este ciclo complementa a serie de encontros en formato virtual A era poscovid: redesen~ar o mundo, iniciada a finais de xuño e na que ofrecen a súa visión de futuro profesionais galegos do deseño de referencia a nivel internacional. A inscrición xa está aberta e pode formalizarse na web de Gain.
 

Imaxes relacionadas