O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou neste encontro que se desenvolveu online

Política Social afonda no coñecemento das necesidades das persoas con alzhéimer nas XVIII xornadas interdisciplinarias de Fagal

O evento xirou en torno aos efectos da crise sanitaria da covid-19 no traballo das persoas coidadoras e familiares

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2020

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou nas XVIII Xornadas Interdisciplinarias da Federación Alzhéimer Galicia (Fagal), que este ano tiveron como particularidade que son integramente online. O responsable da área de Maiores salientou a importancia deste encontro para “afondar no coñecemento das necesidades das persoas con alzhéimer”.

As xornadas, que contaron coa participación de relatores estranxeiros, centráronse en analizar como está a afectar a crise sanitaria da covid-19 ao traballo diario dos coidadores de persoas con demencia e as súas familias. Neste sentido, Fernando González transmitiu o recoñecemento da Xunta de Galicia a todas as entidades que forman parte de Fagal que traballan para mellorar a situación destas persoas a diario e, sobre todo, no actual contexto de pandemia.

O programa das xornadas de Fagal incluíu dúas mesas redondas, unha sobre o tratamento da covid-19 e as demencias noutros países europeos e outra sobre a covid-19 e a demencia en Galicia. No encontro tamén se abordou a experiencia das asociacións galegas de alzhéimer.