O 061 de Galicia subliña a importancia de coñecer os síntomas da parada cardiorrespiratoria e as técnicas de reanimación cardiopulmonar para reaccionar con rapidez

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade vén apostando por iniciativas que melloran a supervivencia á parada cardiorrespiratoria como o programa RCP na Aula, que desde o ano 2009 formou preto de 16.000 nenos

Iniciativas como o programa Acude e Axuda, que xa conta con preto de 480 inscritos, permiten tecer unha rede de persoas formadas en manobras de soporte vital básico e uso de DESA

Galicia conta con máis de 1.800 desfibriladores semiautomáticos externos dados de alta para ser utilizados, en situación de necesidade, por calquera testemuña
 

A Estrada, 16 de outubro de 2020

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 subliña, un ano máis no Día europeo da concienciación ante o paro cardíaco, a importancia de recoñecer os síntomas que preceden a unha parada cardiorrespiratoria para reaccionar con rapidez e minimizar os posibles efectos e consecuencias. Se ademais, a poboación recibiu formación na realización de técnicas de reanimación cardiopulmonar e desfibrilación precoz auméntase considerablemente as posibilidades de supervivencia.

A concienciación da sociedade sobre a importancia do recoñecemento dos sinais de morte súbita e das técnicas de reanimación cardiopulmonar básica resultan fundamentais na Comunidade galega, onde as enfermidades cardiovasculares constitúen un dos problemas de saúde máis importantes.

Síntomas máis frecuentes

Os síntomas máis frecuentes da dor de orixe cardíaca son as molestias de aparición brusca, con sensación de opresión, que se localizan na zona central ou esquerda do tórax. A dor pode estenderse cara as costas, o brazo esquerdo, o colo e a mandíbula e case nunca varía cos cambios de postura nin coa palpación. En ocasións, acompáñase de suor frío, palidez, náuseas, vómitos, mareos e pode provocar dificultade para respirar.

Se vostede sofre os síntomas descritos, debe manter a calma, afrouxar a roupa e permanecer sentado ou recostado. A chamada ao teléfono 0 6 1, nestas circunstancias, resulta vital. Mentres é atendido por un médico coordinador, especialista en atención telefónica ás urxencias e ás emerxencias, os recursos asistenciais son mobilizados ata o lugar no que se atope o paciente para a aplicación dun desfribrilador, nos casos axeitados.

Reanimación cardiopulmonar e DESA

Ademais, a maioría das mortes evitables ocorren fóra dos centros hospitalarios, polo que as únicas medidas que aumentan a supervivencia, minimizando as posibles secuelas, son a masaxe cardíaca e a desfibrilación precoz. Ambas as dúas constitúen parte fundamental da cadea de supervivencia, xunto coa activación inmediata do sistema de emerxencias, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Tendo en conta que en Galicia contabilízanse unhas 780 mortes súbitas ao ano, e dadas as características poboacionais e orográficas da nosa Comunidade Autónoma -con altas cifras de dispersión poboacional-, a formación en técnicas de reanimación cardiopulmonar resulta imprescindible.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade vén apostando por iniciativas que melloran a supervivencia nas paradas cardiorrespiratorias, como é o programa de formación en reanimación cardiopulmonar RCP na Aula a través do que, desde o ano 2009, formáronse preto de 16.000 nenos.

Actualmente, Galicia conta con máis de 1.800 desfibriladores semiautomáticos externos dados de alta para ser utilizados, en situación de necesidade, por calquera testemuña, seguindo as instrucións telefónicas dos médicos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Ademais, iniciativas como o programa Acude e Axuda, que xa conta con preto de 480 inscritos, permitan tecer unha rede de persoas formadas en manobras de soporte vital básico e uso de DESA que de xeito voluntario están prestos a acudir inmediatamente ante unha situación de parada cardíaca en calquera punto da nosa Comunidade Autónoma.
 

Imaxes relacionadas