Feijóo destaca que a ampliación das urxencias dos hospitais galegos en 10.000 metros cadrados na última década está a ser fundamental para tratar a covid de forma rápida e eficaz

Salienta que os hospitais comarcais foron ampliados nunha superficie total de 14.000 metros cadrados, o que equivalería a construír outro Hospital da Barbanza

Pon en valor a renovación dos accesos ao hospital e o compromiso de mellorar “todos os accesos de todos os hospitais de Galicia”

Agradece aos profesionais da Sanidade Pública galega o servizo que veñen prestando a Galicia de forma ininterrompida durante todos estes meses
 

Ribeira (A Coruña), 16 de outubro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a ampliación das urxencias dos hospitais galegos en 10.000 metros cadrados na última década está a ser fundamental para tratar a covid de forma rápida e eficaz.

Durante unha visita ás novas instalacións de urxencias do Hospital da Barbanza, Feijóo aseverou que a renovación desta infraestrutura é o exemplo do continuo compromiso do Goberno galego cos hospitais comarcais. Non en van, desde 2009 foron ampliados nunha superficie total de 14.000 metros cadrados, o que equivalería a construír outro Hospital da Barbanza.

“Hoxe Galicia ten sete hospitais comarcais que atenden en total 340.000 persoas”, sinalou, engadindo que neles se incrementaron profesionais, servizos, equipamentos e tecnoloxía.

Logo de recordar que, só en 2019, os hospitais comarcais galegos realizaron case 25.000 intervencións, máis de 500.000 probas diagnósticas e máis de 560.000 consultas externas, o titular da Xunta subliñou que os veciños da Barbanza contan cunhas urxencias “remodeladas integralmente e cun 40% máis de superficie, 1.100 m2 en total“. Ademais, subliñou que poderán atender un 40% máis de pacientes, que contarán “cunha das áreas de urxencias mellor planificada e mellor estruturada”.

Así mesmo, Feijóo destacou outros avances levados a cabo neste centro, como a apertura dun novo laboratorio con novo equipamento, a mellora en quirófanos e esterilización, equipamentos en consultas externas, novas técnicas cirúrxicas, novas prestacións de rehabilitación ou unha nova unidade de rehabilitación cardíaca; “e temos o compromiso de mellorar as salas de endoscopias dixestivas e crear unha nova unidade de hospitalización para ampliar o servizo en 22 camas”, adiantou.

Ademais das novas urxencias do Hospital da Barbanza, aseverou que son tamén un exemplo dese crecemento as do resto dos hospitais galegos, que atenden un total de 3.000 urxencias cada ano.

O responsable do Goberno galego puxo tamén en valor a renovación dos accesos ao hospital, e salientou o compromiso de mellorar “todos os accesos de todos os hospitais de Galicia”, de modo que se acredite a calidade non só dos hospitais, senón tamén a súa accesibilidade.

Por último, agradeceu a todos os profesionais da Sanidade Pública galega o servizo que veñen prestando a Galicia de forma ininterrompida durante todos estes meses, poñendo como exemplo o “excelente equipo sanitario”, de 75 persoas, das urxencias da Barbanza, que “teñen esta casa aberta as 24 horas do día e os 365 días do ano”.
 

Imaxes relacionadas