A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reúnese coa xunta directiva da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia

Vigo, 16 de outubro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, trasladouse hoxe ata a sede da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), para manter un encontro co presidente Justo Sierra e o secretario xeral, Enrique Mallón.

Un encontro que se enmarca na rolda de contactos cos principais axentes sociais e económicos da área territorial iniciada pola nova representante autonómica tras tomar posesión do cargo

Fernández-Tapias, quen destacou a boa sintonía cos distintos colectivos que tivo a oportunidade de visitar ata o día de hoxe, informou que comparte as súas preocupacións que derivan principalmente dos efectos da Covid-19.

Neste senso, aproveitou a ocasión para agradecer a Asime a súa implicación na loita contra a pandemia, proporcionando material de protección á Delegación Territorial para o seu reparto. Unha iniciativa solidaria na que participaron diversas empresas de Vigo e que Marta Fernández-Tapias quixo pór en valor.

Asemade, puideron avaliar a situación actual do sector industrial, especialmente do naval, e falar de posibles novas vías de colaboración. A este respecto, a delegada referendou o compromiso do Executivo autonómico con este sector e a aposta irrenunciable pola formación, a innovación e o financiamento desta industria.

Neste senso, Fernández-Tapias recordou o recente anuncio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de que se está a traballar nun proxecto de Ley de reactivación económica co obxectivo de converter Galicia nun lugar atractivo para investir.

Imaxes relacionadas