A Xunta triplica nos últimos dez anos, ata superar o millón de euros, a achega económica á Federación Galega de Familiares e Persoas con Efermidade Mental

Fabiola García garantiu que o Goberno galego “sempre ten as portas abertas para atender e apoiar a estas persoas e ás súas familias”

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, garantiu hoxe o apoio da Xunta á Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes), con 25 anos de traballo representando a un colectivo de máis de 41.000 persoas. De feito, nos últimos dez anos o Executivo autonómico triplicou a achega económica a Feafes ata superar na actualidade o millón de euros.

Fabiola García visitou esta mañá a sede da entidade con motivo da recente celebración do Día Mundial da Saúde Mental —o pasado 10 de outubro—, para apoiar a nova campaña posta en marcha ao abeiro desta conmemoración: ‘Nós vémolo claro’. Ao respecto, sinalou que o Goberno galego “sempre ten as portas abertas para escoitar as necesidades destas persoas e das súas familias e para apoialas”.

Ademais, a conselleira destacou a “magnífica” colaboración que a Xunta mantén con Feafes, coa que “traballamos man a man para poñer en marcha novos proxectos e crear máis servizos de atención a estas persoas”. Nesta liña, destacou a importancia do traballo que realiza esta federación, referente en Galicia no ámbito da saúde mental e que “está os 365 días do ano a pé de rúa ao carón das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias”.
 

Imaxes relacionadas