O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe na Comisión bilateral de seguimento de Plan de entrada dos autobuses á cidade

A Xunta traslada ao Concello da Coruña que os novos contratos de transporte incrementarán nun 6,5% os servizos e mellorarán a accesibilidade ao centro sen afectar ao tráfico

Ampliaranse as expedicións a Entrexardíns, que pasarán das 575 actuais ás 615, redistribuíndose os horarios para diminuír o número de autobuses por hora nesa parada e reducindo os períodos de estancia nela

Desde o pasado 10 de setembro están en funcionamento os novos servizos nas liñas procedentes do sur da comarca de Betanzos e no resto de liñas está previsto que se implanten durante este Nadal

A Xunta reitera a solicitude ao Concello para situar unha nova parada na zona de Linares Rivas e praza de Ourense, para a mellora da accesibilidade ao transporte metropolitano en sentido saída da cidade

O número de viaxeiros de transporte metropolitano aumentou en 2019 nun 13,83%, acadando case 700.000 viaxeiros máis desde a posta en marcha deste Plan

No ano 2019 un total de 5,65 millóns de viaxeiros accederon á cidade a través do servizo público de transportes, que acada un 87,9% de satisfacción entre os usuarios

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020

A Xunta trasladou hoxe ao Concello da Coruña que os novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia mellorarán a accesibilidade ao centro sen afectar ao tráfico.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe na Comisión bilateral de seguimento do Plan de entrada dos autobuses interurbanos ao centro da Coruña, na que expuxo os servizos e melloras que se incorporarán coa entrada en servizo dos novos contratos de transporte.

Está previsto incrementar nun 6,5% os servizos de autobús que acceden ao centro da cidade, pasando das 575 expedicións actuais que chegan á parada de Entrexardíns a un total de 615.

O director xeral de Mobilidade da Xunta explicou que o incremento das expedicións é posible grazas á unha mellor distribución de horarios, que permite que diminúa o número máximo de autobuses por hora nesa parada. Tamén se reducen os períodos de estancia de autobuses na parada, polo que se evitan afeccións maiores ao tráfico.

O director xeral de Mobilidade informou que o pasado 10 de setembro entraron en funcionamento os novos servizos do Plan de Transporte Público de Galicia nas liñas procedentes no sur da comarca de Betanzos e que durante o Nadal se prevé a entrada en funcionamento dos novos servizos no resto de liñas que chegan á cidade da Coruña.

Os novos servizos manteñen os corredores de entrada actuais á cidade e nos mesmos incluíronse as paradas aprobadas no Plan de acceso dos autobuses.

Na reunión de hoxe desde a Xunta volveuse solicitar ao Concello da Coruña autorización para situar unha nova parada na zona de Linares Rivas e praza de Ourense en sentido saída, tal e como se reflicte nos proxectos dos novos contratos aprobados. Deste xeito, segundo salientou o director xeral de Mobilidade, melloraríase a accesibilidade ao transporte metropolitano en sentido saída.

Neste eido, a Xunta tamén acordou estudar a petición do Concello da Coruña de desviar as liñas de autobús cara ao hospital Abente e Lago polo túnel do Parrote.

O director xeral de Mobilidade subliñou que o obxectivo último do plan é facilitar os desprazamentos aos usuarios grazas a un maior número de liñas que poidan ter acceso todos os días e durante todo o día ao centro urbano da Coruña.

Incremento dun 13% de viaxeiros á cidade

Desde a implantación do Plan de entrada dos autobuses ao centro da Coruña, en novembro de 2017, o número de viaxeiros de transporte metropolitano que chegan á cidade incrementouse nun 13,83%, case 700.000 viaxeiros máis no ano 2019.

O Goberno galego, para acadar este obxectivo, traballou na liña de promover unha maior eficiencia no transporte público, reducir os tempos de viaxe, eliminar transbordos na medida do posible e lograr unha maior accesibilidade do transporte interurbano no centro da cidade.

Así, a posta en funcionamento do Plan posibilitou a eliminación dos transbordos, mellorando os tempos da viaxe, dotando de maior comodidade aos usuarios do transporte público da área de Coruña.

Os datos reflicten o interese deste Plan, que no ano 2019 permitiu que 5,65 millóns de viaxeiros accederan ao centro da cidade a través do servizo público de transportes, acadando estes servizos un 87,9% de satisfacción entre os usuarios.

A área de transporte metropolitano da Coruña está integrada polos concellos da Coruña, Abegondo, Arteixo, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carballo, Carral, Cerceda, Culleredo, Curtis, Miño, Oleiros, Ordes, Oza-Cesuras e Sada.

Imaxes relacionadas