O delegado da Xunta visitou hoxe as instalacións de Cogami na Coruña acompañado polo seu presidente, Anxo Queiruga

Trenor defende a importancia da colaboración coas entidades sociais no ámbito da atención á discapacidade

Desde 2009 o Goberno galego multiplicou a achega económica a Cogami, ata chegar na actualidade aos 6,3 millóns de euros

A Coruña, 15 de outubro de 2020

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Anxo Queiruga, unha entidade que vela en Galicia pola inclusión das persoas con discapacidade.

Trenor enxalzou a actividade que desenvolve a pé de campo Cogami, confederación coa que a Xunta mantén diferentes programas de actuación nas áreas de inclusión e formación para o emprego, ademais de financiar proxectos e prazas de atención á discapacidade. Ao respecto, reiterou o compromiso do Goberno galego para avanzar cara a unha sociedade na que ter distintas capacidades non signifique ter menos oportunidades.

Trenor puxo en valor a actividade que leva a cabo todo o equipo de Cogami porque “traballa na procura da mellora da calidade de vida e a plena inclusión das persoas con discapacidade, ao constituíren unha peza fundamental de cara a completar a rede galega de servizos e programas dirixidos á atención e coidado deste sector da poboación”.

A Xunta multiplicou por catro a colaboración económica con Cogami nos últimos dez anos, ata acadar na actualidade os 6,3 millóns de euros. Un incremento que permitiu poñer en marcha novas intervencións.

Entidade de referencia

Trenor destacou o crecemento de Cogami, que iniciou a súa actividade en 1990 e que na actualidade converteuse nun movemento asociativo consolidado. O labor desta entidade é amplamente recoñecido pola sociedade, polos seus valores, pola súa busca de novas metodoloxías de traballo coas persoas con discapacidade e pola prestación de servizos de excelencia dirixidos ás mesmas.

Imaxes relacionadas