Sanidade realizará cribados nas residencias universitarias galegas e subliña a limitación de reunións a grupos de 10 persoas

Os cribados ampliaranse a outros ámbitos universitarios

O conselleiro avanzou que Sanidade está a traballar nun protocolo específico para o Día de defuntos

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, detallou esta mañá en rolda de prensa as medidas acordadas onte trala xuntanza do Comité clínico e anunciou a realización de cribados nas residencias universitarias galegas.

Acompañado polo secretario xeral do Sergas, Alberto Fuentes Losada, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán e o xerente do Sergas, José Flores, o responsable da carteira sanitaria abordou polo miúdo as medidas adoptadas na xornada de onte polo grupo de expertos que monitora a evolución da covid-19 en Galicia.

Así, detallou que o establecemento de medidas nos diferentes concellos obedece á combinación dun conxunto de criterios e parámetros con valor epidemiolóxico, que van máis alá, da denominada incidencia epidemiolóxica.

García Comesaña apuntou que malia que a situación en Galicia presenta uns mellores datos que o meirande parte das Comunidades Autónomas, a consellería segue a tomar decisións e, neste sentido anunciou que na xornada de hoxe comezou o cribado de estudantes nas residencias universitarias de Santiago de Compostela.

Sobre este particular, o titular da carteira sanitaria galega apuntou que estes cribados ampliaranse ás residencias dos restantes Campus universitarios de Galicia, nomeadamente, Coruña e Vigo. Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, sinalou que estas probas tamén se poden estender a outros ámbitos universitarios.

Así mesmo, Sanidade avanzou que está traballar na elaboración dun novo protocolo de cara ao vindeiro Día de defuntos.

O secretario xeral do Sergas, Alberto Fuentes, enumerou algunhas das limitacións establecidas onte polo Comité clínico sobre a limitación a grupos de até 10 persoas en toda Galicia, o que repercute en academias e centros con outras actividades de formación non regrada, a animación nos hoteis, bibliotecas e arquivos, actividades en ximnasios ou centros semellantes, actividades turísticas e de tempo libre e locais de xogo e apostas, entre outros.

Todas estas medidas, publicaranse hoxe no Diario Oficial de Galicia, e entrarán en vigor dende as 00:00 horas desta medianoite.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, puxo o foco en que nestes intres, está garantida a capacidade asistencial nos centros sanitarios galegos, lembrando que é preciso adoptar estas medidas coa anticipación suficiente, para poder garantir o servizo sanitario en todas as áreas.

No transcurso da rolda de prensa, na que tamén participaron os membros do Comité clínico, Sergio Vázquez e Tato Vázquez Lima, reiterouse a necesidade de cumprir a totalidade das medidas hixiénico-sanitarias establecidas, apelando á responsabilidade individual á hora de celebrar xuntanzas, solicitando a colaboración do conxunto de universitarios e universitarias galegas neste particular.

Imaxes relacionadas