A Xunta apunta ao fomento da certificación forestal como panca para impulsar a bioeconomía e mellorar a competitividade

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta mañá en Arzúa nun curso sobre esta materia organizado pola Asociación Forestal de Galicia (AFG)

Xera apoia este ano 157 accións formativas nas que participarán 2500 profesionais, e 14 accións de divulgación para 10.000 persoas
 

Arzúa (A Coruña), 14 de outubro de 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe no IES de Arzúa na inauguración do curso de certificación forestal organizado pola Asociación Forestal de Galicia (AFG).

Na súa intervención, Lema subliñou que a formación especializada é clave para impulsar a competitividade da industria forestal galega, e destacou tamén a importancia de incorporar talento profesional á cadea de valor, lembrando que esta é unha das apostas da Axenda de Impulso da Industria Forestal.

Así, este ano Xera apoia con preto de 500.000 euros a posta en marcha de 157 accións formativas, nas que se espera que participen 2500 profesionais, e 14 accións de divulgación que se prevé que chegarán a 10.000 persoas. O director referiuse, especialmente, á colaboración coa AFG coa que se están a desenvolver 26 iniciativas en eidos como a prevención de riscos laborais, proxectos de compensación de emisións ou a cadea de custodia, así como a certificación forestal.

Neste sentido, Lema explicou que a Axenda da Industria Forestal recolle o fomento da certificación como unha das pancas que permitirán impulsar a bioeconomía, garantindo que os produtos industriais elaborados pola cadea teñan garantía de continuidade. De feito, o mercado demanda a trazabilidade de todos os produtos que chegan ao consumidor final, polo que a certificación, xunto coa cadea de custodia e as ferramentas dixitais de trazabilidade son elementos que impulsan a competitividade empresarial.

Segundo o director, e dentro do impulso á economía verde, a tendencia é apostar por métodos de certificación que garantan aos clientes a orixe do produto, o respecto medio ambiental nos procesos e a dixitalización dos procedementos de control.

Imaxes relacionadas