A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo da nova depuradora de Arcade, no concello de Soutomaior

Este contrato, cun investimento de preto de 157.000 euros conta cun prazo de execución de 12 meses

A nova infraestrutura hidráulica substituirá á actual co obxectivo de incrementar a capacidade de tratamento e acadar mellores rendementos na depuración

Este proxecto contribuirá ao avance no saneamento da ría de Vigo, en beneficio da pesca, do marisqueo e do turismo, actividades estratéxicas na zona

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo da nova depuradora de augas residuais de Arcade, no concello de Soutomaior.

Este contrato, cun investimento autonómico de preto de 157.000 euros, foi adxudicado á empresa Proyfe, SL. O prazo de execución dos traballos é de 12 meses.

A nova estación depuradora, que será cofinanciada a través de fondos Feder, suporá un investimento de arredor de 2 millóns de euros, que será determinado de forma concreta polo proxecto construtivo.

Na actualidade, Arcade dispón dunha depuradora posta en servizo en 2005 pola Xunta, que tamén está a prestar o servizo de mantemento das instalacións, cun investimento autonómico de máis de 4 millóns de euros ata o día de hoxe.

A depuradora existente, de tipo físico-químico, será substituída por unha nova infraestrutura de tipo biolóxico, que disporá de maior capacidade para acadar mellores rendementos na depuración.

Os traballos obxecto deste contrato inclúen o análise de alternativas e a redacción do proxecto construtivo das actuacións precisas para solucionar os problemas identificados no sistema actual, con especial acento no aumento dos rendementos de eliminación de materia orgánica.

Esta actuación enmárcanse na aposta da Xunta por apoiar aos concellos nas súas competencias municipais de saneamento e depuración.

A Xunta impulsa este proxecto hidráulico co obxectivo de prestar mellores servizos aos veciños e contribuír ao avance no saneamento da ría de Vigo, en beneficio da pesca, do marisqueo, da acuicultura e do turismo, actividades estratéxicas nesta contorna.