A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios

Galicia defende que a fixación das cotas para 2021 teña en conta os aspectos socioeconómicos e que as variacións nunca sexan superiores ao 15%

A conselleira do Mar lembra a importancia de adoptar medidas para facer fronte á obriga de desembarque e de responder ao esforzo realizado pola frota pesqueira española e galega nos últimos anos para mellorar as pesqueiras

Preto do 80% dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas existentes no Atlántico, así como o 99% das cantidades desembarcadas na UE procedentes destas augas, atópanse en niveis de Rendemento Máximo Sustentable

A Xunta lamenta o contraste existente entre as medidas de xestión restritivas adoptadas en zonas como o Báltico e a maior flexibilidade concedida en áreas como o Mediterráneo ou o mar Negro, en peor situación

En relación ás consultas anuais de 2021 da UE con Noruega, o Executivo galego insiste no interese de maximizar as posibilidades de pesca do bacallau ártico noruegués para a frota galega sen que vaia en detrimento das cotas doutras especies de interese para España

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios onde defendeu a necesidade de que na fixación das cotas de pesca para 2021 se teñan en conta os aspectos socioeconómicos e que haxa coherencia coa análise dos informes científicos de cara a evitar variacións nas posibilidades de pesca, tanto á alza como á baixa, superiores ao 15%.

A titular de Mar volveu insistir nesta demanda de Galicia durante o encontro preparatorio do Consello de Ministros de Pesca da semana que vén, no que se analizarán as propostas de pesca para o mar Báltico, unha zona na que a frota galega apenas ten intereses pero que serven como indicador das medidas de xestión que se van adoptar nas pesqueiras de cara ao próximo ano e que poden dar idea de como será a negociación das cotas de pesca de 2021 no tradicional Consello de Ministros de Pesca de decembro.

A representante do Executivo galego tamén abordou a necesidade de ter en conta a obriga de desembarque e a adopción de medidas para facer fronte a esta situación como a aplicación de incrementos destinados a paliar os seus efectos, o traspaso de cotas entre zonas ou a eliminación de totais admisibles de capturas (TAC) e cotas de escasa contía ou valor para evitar os descartes.

Rosa Quintana, que volverá representar ao resto de comunidades autónomas españolas no Consello de Ministros de Pesca, lembrou ademais a importancia de ter en conta na fixación das cotas o esforzo realizado pola frota pesqueira española e galega nos últimos anos para levar boa parte das especies a niveis de Rendemento Máximo Sustentable (RMS), o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes sen prexudicar o stock.

Neste sentido, a titular de Mar incidiu en que preto do 80% de todos os TAC existentes no Atlántico así como o 99% das cantidades desembarcadas na UE procedentes destas augas se atopan en niveis de Rendemento Máximo Sustentable, unha melloría que é máis acentuada naquelas zonas nas que faenan as frotas galegas -Cantábrico Noroeste e Gran Sol-, que impulsan en gran medida ese avance.

Galicia tamén lamentou na xuntanza o contraste existente entre as medidas de xestión adoptadas en determinadas pesqueiras como augas do Báltico, moi restritivas co obxectivo de acadar o RMS xa en 2020, mentres que noutras zonas como o Mediterráneo ou o mar Negro, con stocks en peor situación, se aplica unha maior flexibilidade permitindo a adecuación da xestión a niveis de Rendemento Máximo Sustentable para 2025. Por iso, a comunidade demanda que os esforzos de Galicia e España se teñan en conta á hora de adoptar medidas de xestión nas pesqueiras nas que opera a súa frota.

Acordo con Noruega

O Consello Consultivo de Política Pesqueira tamén serviu para analizar as consultas anuais de 2021 da UE con Noruega, que se enmarcan no acordo pesqueiro bilateral asinado polas partes, sobre as que Galicia lle trasladou ao Estado a necesidade de manter os criterios establecidos no acordo histórico vixente e insistiu no interese de maximizar as posibilidades de pesca do bacallau ártico noruegués para a frota galega -tamén coñecido como bacallau de cohesión- pero sen que isto vaia en detrimento das cotas doutras especies de interese para España.

A conselleira do Mar tamén destacou a importancia que ten na actualidade o brexit, que está xerando distorsións nos debates ante as consecuencias que terá o abandono da UE por parte do Reino Unido. Nese momento haberá un novo estado costeiro con augas nas que traballan tanto a frota europea como a norueguesa polo que será necesario contar cun marco de relacións claro que defina as posibilidades de pesca das distintas frotas na zona.

Imaxes relacionadas