A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co alcalde de Pontedeume, supervisou os traballos que se están a realizar na zona de captación de abastecemento de auga do río
A Xunta abre expediente para esclarecer a orixe da turbidez da auga do río Eume e depurar as responsabilidade que correspondan
Ethel Vázquez cualifica a situación de “inaceptable” e avanza que se está a estudar se houbo vulneración das normas de explotación e xestión da presa para, no seu caso, adoptar as medidas oportunas
Destaca que se está a rexistrar unha progresiva recuperación dos parámetros e que agora os traballos se centran en conseguir que se consoliden para que os veciños poidan volver consumir a auga
Lembra que a Xunta, a través de Augas de Galicia, lle deu instrucións concretas á empresa explotadora do encoro para que adoptase as medidas necesarias para acabar o antes posible coa situación de turbidez xerada
As inspeccións e analíticas realizadas ata o momento concluíron que non hai alteración nos niveis de PH e de oxíxeno e non se rexistrou ningún tipo de mortaldade de especies
A Xunta de Galicia xa abriu expediente co obxectivo de esclarecer a orixe da turbidez da auga do río Eume e depurar as responsabilidades que correspondan.
Así o avanzou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen, xunto co alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e coa xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión, supervisou este mediodía os traballos que se están a realizar na zona de captación de abastecemento de auga do río co obxectivo de recuperar, o antes posible, os parámetros que permitan restablecer o consumo de auga por parte da poboación.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade cualificou a situación de “inaceptable” e avanzou que se está a estudar se houbo vulneración das normas de explotación e xestión da presa para, no seu caso, adoptar as medidas oportunas.
Lembrou que a Xunta, a través de Augas de Galicia, lle deu instrucións concretas á empresa explotadora do encoro para que adoptase as medidas necesarias para acabar o antes posible coa situación de turbidez xerada, xa que se está a falar “da calidade das augas do río e da calidade da auga que consumen os cidadáns”.
Augas de Galicia vén traballando desde a semana pasada na realización de inspeccións e analíticas co obxectivo de coñecer a orixe e o alcance das alteracións rexistradas no río Eume. Esas analíticas concluíron que non había alteración nos niveis de PH e de oxíxeno e, afortunadamente, non se rexistrou ningún tipo de mortaldade de especies, aínda que o nivel de turbidez da auga era “preocupante”.
Segundo explicou Ethel Vázquez, o pasado sábado os niveis de turbidez acadaron parámetros incompatibles co consumo humano e así se lle comunicou desde a Xunta ao Concello de Pontedeume, quen adoptou a correspondente decisión sobre o abastecemento de auga á poboación.
Lembrou que, desde o primeiro momento, Augas de Galicia se puxo á disposición do Concello para procurar, canto antes, o restablecemento do servizo de abastecemento de auga aos veciños.
Na mañá do domingo colocáronse no río Eume as barreiras de contención que Augas de Galicia estaba a empregar nas obras de mellora do saneamento que está a executar en Pontedeume, co obxectivo de manter esa zona o máis limpa posible e posibilitar que a entrada de augas na estación potabilizadora se producise nas mellores condicións para facilitar o seu tratamento.
Ethel Vázquez resaltou que se está a ver unha progresiva recuperación dos parámetros e que agora os traballos se están a centrar en conseguir que se consoliden para que os veciños de Pontedeume poidan volver consumir a auga.
Neste sentido, reiterou a total disposición da Xunta a seguir traballando, como vén facendo, da man do Concello e da concesionaria do servizo municipal da auga ata conseguir que se solucione a situación e se repoña o servizo de abastecemento de auga á poboación.