A Xunta leva realizadas en toda Galicia máis de 2.000 probas nos covid-auto escola

Os conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña; e de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, destacan o bo funcionamento que está a ter esta iniciativa da Xunta de Galicia

Este circuíto específico axiliza a realización de PCR á comunidade educativa, o que redunda nunha maior capacidade para frear o virus e consolidar as aulas como espazos seguros

A Coruña, 13 de outubro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, visitaron hoxe o covid-auto escola do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde destacaron o bo funcionamento que está a ter esta iniciativa á hora de realizar PCR á comunidade educativa. Na visita, estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor López, e polo xerente da área sanitaria da Coruña, Luis Verde Remeseiro.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego agradeceu o esforzo da área sanitaria da Coruña, e de todas ás areas sanitarias, que puxeron en marcha este sistema de covid-auto escola para priorizar as probas dos nenos e nenas nun momento tan complicado como foi o inicio do curso. Ata actualidade, -remarcou o conselleiro-, o número de probas realizadas en toda Galicia supera as 2.000.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou que, logo dun mes do inicio de curso, os datos referendan as aulas como “lugares seguros” que, lonxe de seren focos de transmisión do virus, “ao contrario, funcionan como contralumes, como lugares de identificación e de ruptura da cadea de transmisión”.

Así o reflicten os datos rexistrados ata o momento, con 470 persoas positivas (entre persoal docente, non docente e alumnos) e 23 aulas pechadas, que sobre o total de 450.000 integrantes e 18.800 aulas, representan “unha ratio moi cativa”, aínda que hai que falar sempre coa “máxima precaución”, abondou o conselleiro.

Segundo Román Rodríguez, este é un “logro colectivo” do intenso traballo que levan desenvolvendo as familias, os centros educativos, os docentes e os servizos de inspección.

Así mesmo destacou tamén a boa colaboración entre as consellerías de Sanidade e de Educación, que se manifesta na posta en marcha do covid-auto escola, un sistema co que se gaña rapidez e axilidade, e que contribúe a que a administración teña unha maior capacidade para frear o virus con mais e mellor información que permita tomar as medidas necesarias; e a plataforma Educovid, que é a canle a través da cal os centros, a requirimento da Consellería de Sanidade, transmiten a información necesaria para facer os rastrexos e tomar as medias necesarias.

Axilizar o proceso

Covid-auto escola, circuíto específico posto en marcha pola Xunta de Galicia para a realización das PCR á comunidade educativa, está a permitir axilizar a realización das probas diagnósticas, diminuír o tempo de sospeita e diagnóstico, acelerar o proceso de identificación dos contactos estreitos e reducir a presión sobre atención primaria, especialmente pediátrica.

Todas as áreas sanitarias contan con espazos covid-auto específicos para os casos procedentes das escolas. Así, cada vez que se detecta un posible caso nunha aula e se determina que hai que facer PCR, esa aula se deriva automaticamente á axenda das liñas covid-auto.

Imaxes relacionadas