A Xunta mellora as instalacións e locais culturais de preto de 40 concellos cun investimento de medio millón de euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da convocatoria desta liña de axudas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Entre os beneficiarios inclúense melloras e intervencións nas bibliotecas e arquivos de 14 concellos cun investimento superior aos 150.000 euros

No seu conxunto promóvense desde obras de reforma, ampliación, mellora de accesibilidade e adquisición de materiais técnicos en centros das catro provincias

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2020

Un total de 39 concellos beneficiaranse este ano da liña de axudas de preto de 500.000 euros convocada pola Xunta de Galicia para o equipamento e mellorar as instalacións e locais empregados para a realización de actividades culturais. Así se informa no Diario Oficial de Galicia que publica a resolución desta liña de axudas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A Xunta de Galicia contribúe deste xeito a dotar cos medios necesarios ás entidades locais comprometidas coa acción cultural para que poidan executar as súas programacións, así como contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades culturais que promovan.

Entre os beneficiarios deste ano inclúese un destacado apoio a realizar melloras e intervencións en bibliotecas e arquivos en 14 concellos, algo para o que a Xunta inviste máis de 150.000 euros. No seu conxunto, as subvencións, que se concederon en réxime de concorrencia competitiva, permitirán reforzar os equipamentos culturais de Galicia con diferentes actuacións que inclúen desde dotar de equipamento e mobiliario, a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións culturais ou a mellora da accesibilidade, incluíndo a instalación de ascensores nalgún caso.

Apoio ao tecido cultural

A través de liñas de subvencións como estas, a Xunta de Galicia vén apoiando nos últimos anos a actividade cultural nos distintos concellos buscando a máxima calidade e contribuíndo á mellora das infraestruturas e equipamentos municipais.

Ademais, no actual escenario, o Goberno galego está a reforzar o seu apoio á cultura en Galicia a través dunha serie de medidas de reactivación das que o 80% están en execución, dentro do Plan de Reactivación do sector cultural. Inclúense, entre outras, a activación da industria cultural con accións de apoio específico para o sector do libro, o audiovisual, as artes escénicas, as artes plásticas e a música.

Imaxes relacionadas