Román Rodríguez destaca o compromiso da Xunta cos creadores e artistas na entrega do XI Premio de Gravado Atlante

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o alcalde de Ribeira presidiron a entrega destes galardóns concedidos pola Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital a Germán Aparicio, Carmen Isasi e Marco Poma

Tamén recibiron o diploma de mención de honra Mirta Gendin e Marcin Bialas

No marco do Plan de reactivación cultural o Goberno galego ten en marcha medidas específicas para o sector das artes plásticas por máis de 600.000€

Ribeira (A Coruña), 10 de outubro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, participaron hoxe na entrega dos XI Premios de Gravado Atlante postos en marcha pola Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital e que este ano recaeron nos artistas Germán Aparicio, Carmen Isasi e Marco Poma.

Durante a entrega dos premios, o titular de Cultura e Educación destacou o compromiso da Xunta co sector cultural e cos creadores e artistas. “Este está sendo un momento de especial dificultade para todos e a crise sanitaria está mudando ata a forma de expresarnos, pero os artistas e creadores non estades sós”, declarou Román Rodríguez antes de poñer en valor o “compromiso do seu departamento para garantir o mantemento do tecido cultural e reducir os efectos desta crise”.

Concretamente, o Goberno galego, ao abeiro do Plan de reactivación cultural ante os efectos da covid-19 ten en marcha medidas específicas para o sector das artes plásticas que suman máis de 600.000 euros e van desde o apoio ás galerías e a compra de obras de arte ata a creación dunha nova liña de apoio aos creadores e comisarios de arte ou o impulso do X Encontro de Artistas Novos.

Nesta mesma liña, Román Rodríguez afirmou que no actual momento e de especial importancia “sumar forzas” con outras administracións e entidades co obxectivo de “crear alianzas que nos permitan ir a máis”. Como exemplo desta colaboración fixo referencia ao Museo do Gravado de Ribeira, ao que se referiu como “un exemplo de dinamismo que paga a pena visitar” e que no pasado ano recibiu preto de 9.000 persoas.

Por último, o conselleiro da Xunta de Galicia felicitou aos promotores destes importantes galardóns que cada vez contan con maior presenza internacional e que contan xa con máis dunha década de vida. “Iniciativas como esta son as que nos poñen no bo camiño para seguir incrementando a calidade e oferta cultural da nosa Comunidade”, salientou.

Recoñecementos

Na edición deste ano foron galardoados co Premio Atlante os artistas Germán Aparicio, Carmen Isasi e Marco Poma. Ademais, recibiron o diploma de mención de honra Mirta Gendin e Marcin Bialias.

O Museo do Gravado de Ribeira, cunha colección que supera as 40.000 estampas procedentes de máis de 400 artistas, constitúe un dos recursos culturais máis importantes da comarca do Barbanza. Ademais, dispón dunha importante biblioteca ilustrada, situada na planta baixa, que é única en Galicia debido ao seu valor bibliográfico e artístico, con máis de 3000 libros, así como pola cantidade de gravados que contén e pola rareza dos seus volumes, que abranguen desde o século XVI ao XXI.

Imaxes relacionadas