Galicia quere anticiparse e axustar os seus proxectos tractores aos obxectivos que marca a Unión Europea para captar máis fondos no novo marco 2021-2027

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta tarde un encontro por videoconferencia co director xeral adxunto de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea, Normund Popens

A reunión serviu para que a Comunidade poida seguir avanzando na definición dos seus plans e obxectivos

A Xunta leva meses traballando no deseño de proxectos para optar ao instrumento de recuperación Next Generation e onte anunciou a creación dunha Comisión interdepartamental e a celebración dun Foro con empresas e profesionais
 

Santiago, 9 de outubro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou esta tarde que Galicia quere anticiparse e axustar os seus proxectos tractores aos obxectivos que marca a Unión Europea e así captar máis fondos no novo marco financeiro 2021-2027. Así o explicou tras a xuntanza en liña que mantivo co director xeral adxunto de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea, Normund Popens.

Este novo marco plurianual prevé máis de 43.000 millóns de euros para España en políticas que prioricen a transformación dixital ou a transición enerxética, entre outros aspectos. Neste sentido, a reunión desta tarde resultou moi útil para coñecer de primeira man as prioridades europeas e, así mesmo, poder avanzar na definición dos plans e obxectivos de Galicia que, como se puido comprobar, coinciden cos marcados pola UE.

Conde subliñou que este novo marco financeiro é unha oportunidade para a Comunidade, como o é tamén o instrumento de recuperación Next Generation, uns fondos clave para impulsar a reactivación económica galega. Por este motivo, a Xunta leva tempo traballando para identificar as propostas que enviará ao Goberno de España para optar a este instrumento. Destacan os tres proxectos tractores para impulsar un centro de economía circular, unha fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira e unha planta de hidróxeno verde.

Onte mesmo, a Xunta deu un novo paso ao aprobar a constitución dunha Comisión interdepartamental presidida polo titular do Goberno e da que formarán parte todas as consellerías, ademais de contar coa colaboración e asesoramento do Comité de expertos económicos. Esta Comisión será a que canalice e planifique todos estes proxectos, para o que contará cunha unidade, dependente do Igape, encargada da tramitación. Este mes, celebrarase un Foro coas principais empresas galegas e entidades financeiras, profesionais e centros de coñecemento, co obxectivo de sumar novas propostas e novos socios.
 

Imaxes relacionadas