O Padroado da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 nomea directora a Adriana Regueira Pan

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agradeceu o traballo realizado a José Flores Arias, na súa etapa como director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, durante os dous últimos anos

A nova responsable, ocupaba desde 2019 o posto de directora asistencial da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2020

O Padroado da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuniuse esta mañá en Santiago de Compostela e nomeou a Adriana Regueira Pan directora do servizo que atende as urxencias e as emerxencias extrahospitalarias na Comunidade galega.

No transcurso da reunión, o titular da carteira sanitaria agradeceu, no nome da Consellería de Sanidade, a dedicación e o traballo realizado a José Flores Arias na súa etapa como director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 durante preto dos últimos dous anos.

José Flores Arias dirixiu o servizo público de emerxencias sanitarias desde o traslado do 061 ás instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias na Estrada, e desenvolveu un novo modelo asistencial da Rede de transporte sanitario urxente terrestre coa incorporación de catro ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado de enfermería e a ampliación dos recursos ata as 12 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado medicalizadas, 107 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e dúas ambulancias convencionais. Ademais, optimizou a xestión do servizo 061 durante a pandemia de Covid-19 en Galicia como porta de entrada e eixo fundamental da sanidade pública galega.

Adriana Regueira Pan é Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. Desde o ano 2019 ocupaba o posto de directora asistencial da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Anteriormente, foi médico asistencial de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 entre os anos 2001 e 2019 é médico coordinador do 061 de Galicia en 2003. Ademais, foi médico de Atención Primaria na Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, entre os anos 1996 e 1999.