Gonzalo Trenor destaca que Medio Rural investiu máis de 142.000 € na mellora do mercado de Curtis, na renovación de camiños municipais e na instalación de puntos de auga

O delegado da Xunta na Coruña, acompañado polo alcalde da localidade, realizou a súa primeira visita institucional a este concello

Curtis (A Coruña), 9 de outubro de 2020

O novo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, realizou esta mañá a primeira visita institucional ao concello de Curtis. O representante do Goberno autonómico, acompañado polo alcalde, Javier Caínzos, visitou unha das cinco naves do recinto feiral dedicadas á venda de produtos agroalimentarios, nas que o concello investirá máis de 32.000 euros, grazas a unha achega da Xunta, para levar a cabo obras de conservación e mantemento. O goberno local licitará en breve esta actuación.

Esta axuda inclúese dentro das subvencións para proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais de venda de produtos agroalimentarios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, cofinanciadas nun 75% con fondos Feder.

Gonzalo Trenor destacou que “con este investimento melloramos un mercado que hoxe é un referente na comercialización de produtos locais da terra de primeira calidade. Neste recinto durante anos fóronse realizando obras de melloras pero non se realizaron obras na nave que agora é obxecto deste proxecto, polo que esta actuación permitirá que siga estando en condicións óptimas de salubridade e hixiene”.

O delegado da Xunta tamén destacou que neste municipio a Xunta aporta a maiores entre este ano e o que vén máis de 47.000 euros para levar a cabo o acondicionamento do camiño de acceso aos lugares de Cabana e de Padreiro, en Fisteus. Esta achega inclúese dentro do programa de mellora de camiños municipais (Plan Marco). Dentro deste plan, o concello de Curtis leva recibidos desde o ano 2018 máis de 219.000 euros para distintas actuacións.

Finalmente, o Gonzalo Trenor tamén se referiu a outro investimento da Consellería do Medio Rural de máis de 63.214 euros para a colocación de dous puntos de auga xa rematados na parroquia de Fisteus, lugar da Ratona, e na parroquia de Foxado, lugar de Vilariño. Estas obras consistiron na construción de dous puntos de auga de formigón de 192 metros cúbicos semienterrados deseñados para a carga de auga, tanto de motobombas como de helicópteros. Contan con rampla de anfibios, peche perimetral e toma de auga. “Esta obra, recalcou Trenor, permitirá ter neste municipio dous puntos para a recollida de auga que serán moi útiles, especialmente, na época de incendios”.

Imaxes relacionadas