O concello de Folgoso do Courel acolle mañá a primeira xornada en campo do curso de bioapicultura que imparte o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude

O obxectivo é comprobar in situ como funcionan distintos apiarios e alvarizas que se están a manexar con técnicas biolóxicas

A acción está integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza mañá a primeira xornada en campo prevista no curso de bioapicultura que se está a impartir no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, situado no concello coruñés de Boqueixón. A acción, que se desenvolverá no municipio lucense de Folgoso do Courel, ten por obxectivo comprobar in situ como funcionan distintos apiarios e alvarizas que se están a manexar con técnicas biolóxicas.

A iniciativa formativa, iniciada o pasado mes de setembro, contará cunha duración total de 56 horas, 36 delas teórico-prácticas no CFEA de Sergude e as outras 20 no Courel. Así, das 12 xornadas totais, dúas delas desenvolveranse na montaña lucense. O curso non só está dirixido a persoas relacionadas co sector apícola, senón tamén a titulares, cotitulares ou familiares de explotacións agrogandeiras, a traballadores ou técnicos do sector agrario, así como a mozos con intención de incorporarse ao agro.

Canto aos contidos formativos, a súa finalidade última é que os participantes adquiran os coñecementos necesarios para establecer o seu propio apiario orientado á produción ecolóxica, xa se queiran dedicar á cría de raíñas e núcleos de mel, á produción de xelea real ou cera, á cosmética, entroutros obxectivos.

Así, os asistentes recibirán nocións sobre o funcionamento dos enxames, os coidados que precisan, a lexislación que os regula, así como sobre as técnicas biolóxicas existentes para o manexo apícola. Asemade, coñecerán os distintos tipos de produción polos que poden optar se contan con colmeas, as claves para a reprodución dos apiarios e como diagnosticar as diferentes doenzas que poden afectar as abellas.

Este curso está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Imaxes relacionadas