O presidente da Xunta participou esta tarde no acto do Día da Ciencia en Galicia, promovido pola Real Academia Galega das Ciencias

Feijóo reivindica o papel da ciencia na Galicia de hoxe e do mañá e destaca o investimento de 12 millóns para apoiar a investigación e produción de equipos de protección contra a pandemia

Subliña que os galardoados esta tarde coas Medallas de Investigación e cos Premios de Investigación Ernesto Viéitez son parte da excelencia de Galicia, ao igual que o homenaxeado Andrés Comerma

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe o papel da ciencia como piar fundamental na Galicia de hoxe e do mañá, e destacou o investimento de 12 millóns de euros para apoiar a investigación e a produción de equipos de protección na loita contra a pandemia.

Durante o acto do Día da Ciencia en Galicia, promovido pola Real Academia Galega das Ciencias, Feijóo referiuse primeiramente á achega de 3 millóns de euros destinada ao desenvolvemento dunha vintena de proxectos de investigación vencellados coa enfermidade e que contan co aval positivo do Instituto de Saúde Carlos III, se ben non recibiron fondos desta institución.

Ademais desta iniciativa, o responsable do Goberno galego lembrou que a Xunta ten destinado outros 9 millóns de euros ao desenvolvemento de solucións innovadoras na loita contra a covid-19: máis de 1 millón de euros mediante a aceleradora Connect 19 e o convenio con que se apoiou o desenvolvemento de 7 proxectos; e máis de 7 millóns para a mellora e reorganización do tecido produtivo galego.

Sobre este último punto, resaltou a modo de exemplo que, ata o de agora, xa se levan apoiados 48 proxectos encamiñados a satisfacer as necesidades tanto de protección individual como de material para garantir a seguridade, por exemplo, nos centros de traballo.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu tamén na necesidade de captar e reter o talento galego. Así, lembrou que o Programa Oportunius permitiu o apoio xa a 31 investigadores galegos excelentes; e o Programa Principia financiou só no 2020 a contratación de 111 traballadores de I+D+i en empresas e organismos de investigación, chegando nas cinco edicións a contratar a 553 profesionais.

Feijóo subliñou que os galardoados esta tarde coas Medallas de Investigación e cos Premios de Investigación Ernesto Viéitez son parte da excelencia de Galicia, ao igual que o homenaxeado Andrés Comerma.

Sobre Comerma -enxeñeiro, arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador-, o titular da Xunta salientou que coa súa traxectoria “demostrou que Galicia, coa obra hidráulica máis importante de España no século XIX, pode ser líder en calquera ámbito; que unha boa idea ben executada resiste ao paso do tempo; e que España non ten fronteiras, cando un catalán coma el puido facer tanto pola nosa terra”.

Imaxes relacionadas