Sanidade conmemora mañá o Día Mundial da Saúde Mental 2020 coa celebración dunha xornada co lema 'Promovendo a saúde mental fronte á covid 19'

Varios expertos trasladarán a profesionais, familiares e cidadanía as recomencións para manter unha boa saúde mental

Este acto está enmarcado no Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid 19 para o período 2020-2024, que destina máis de 83 millóns de euros á prevención da aparición de problemas de saúde mental

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurará mañá a xornada Promovendo a saúde mental fronte á covid-19, con motivo da celebración do Día Mundial da Saúde Mental 2020 que se conmemora cada 10 de outubro. Este acto forma parte do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid 19 para o período 2020-2024. Trátase dun plan que destina 83 millóns de euros e 241 profesionais á prevención de aparición de problemas de saúde mental na poboación galega e a establecer melloras na asistencia a estes enfermos e aos seus familiares.

O acto conmemorativo organizado pola Consellería de Sanidade consistirá nunha mesa coloquio que se celebrará mañá día 9 no salón de actos da Axencia de Coñecemento e Saúde (ACIS). Será retransmitida en directo e en aberto vía streaming, a través dunha canle establecida na rede social Youtube.

Varios expertos do ámbito da saúde mental e da promoción da vida saudable trasladarán á cidadanía recomendacións para manter unha boa saúde mental en tempos de pandemia por COVID 19.

Seis profesionais darán claves para unha boa saúde mental

A xefa do servizo de Saúde Mental e Drogodependencias, María Tajes Alonso, será a encargada de moderar o acto, que contará dunha primeira parte titulada Resiliencia, actividade física e hábitos de vida saúdables para unha boa saúde mental.

Neste bloque participarán a coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), Ana Mª Núñez Rubines, para falar de pautas que fomenten a resiliencia das persoas ante as dificultades que na vida cotiá nos atopamos en tempos de pandemia.

Manuel Avelino Giráldez, profesor titular do Departamento de Educación Física e Deportiva e coordinador do Programa Oficial de doutorado en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable da Universidade da Coruña, falará acerca de cómo o exercicio impacta favorablemente nunha boa saúde mental e a actividade física como factor de protección.

Marcos Novo Rosario, trasladará recomendacións para evitar recaídas en persoas que poidan estar sufrindo dun trastorno por uso de substancias, e informará dos recursos e programas existentes para a atención a estas circunstancias na nosa comunidade autónoma.

Nun segundo bloque de intervencións participarán outros tres profesionais. Baixo o lema Coidando aos que nos coidan: profesionais, mestres e coidadores informais, participan o xefe de servicio psiquiatría do CHOU, Luis Do Casar Bertolo, que exporá as experiencias do equipo profesional que desenvolve o programa de apoio psicolóxico aos profesionais sanitarios.

Estarán, tamén, o voceiro da plataforma de asociacións profesionais da psiquiatria e psicoloxía da infancia e adolescencia, Carlos Imaz Roncero, que exporá as conclusións do Informe de Recomendacións para unha boa saúde mental na infancia (elaborado pola Plataforma de asociacións de psiquiatría e psicoloxía clínica pola saúde mental da infancia e da adolescencia de España), e o presidente de FEAFES Galicia, José Ramon Girón García, quen exporá consellos para que os coidadores informais, achegados e familiares de persoas que presentan un trastorno mental, e os propios afectados, poidan afrontar os retos que supón esta nova situación sanitaria e social na evolución da súa enfermidade e na súa vida.

Para pechar o acto levarase a cabo un coloquio, aberto á participación cidadá.