A Xunta publica os pregos para a contratación do proxecto de construción do parque acuático de Monterrei

O importe da licitación da redacción do proxecto alcanza os 251.415 euros e o prazo de presentación das ofertas finaliza o día 26 de outubro

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar na plataforma de contratación o servizo de redacción do proxecto de construción do parque acuático do Complexo lúdico deportivo de Monterrei no Concello de Pereiro de Aguiar. O importe da licitación da redacción do proxecto alcanza os 251.415 euros e o prazo de presentación das ofertas finaliza o día 26 de outubro.

Tal e como informou o secretario xeral para o Deporte na súa última visita ao complexo ourensán, o proxecto da parte acuática estará adxudicado no último trimestre de 2020. Deste xeito, poderanse cumprir os prazos para cada unha das tres fases diferenciadas: a piscina familiar (zona 2 que estará finalizada en 2021), a piscina infantil (zona 3 que estará finalizada en 2022) e os tobogáns de adrenalina (zona 4 que estará finalizada en 2023). Durante a execución das obras poderanse utilizar en todo momento as instalacións xa existentes ou finalizadas. O orzamento da parte acuática alcanzará os 8.809.566,35 euros.

A reforma do Complexo Deportivo de Monterrei contará cunha zona deportiva e unha zona acuática como dous partes diferenciadas e independentes. O orzamento total da actuación roldará os 10 millóns de euros e será cofinanciado ao 50% entre Xunta de Galicia e Deputación de Ourense.

A pesar da pandemia provocada pola Covid-19, o Goberno galego continúa coa folla de ruta marcado para a realización das obras e confía en cumprir con todos os prazos. A devandita zona deportiva albergará un pump track indoor para bicicleta BTT e deportes urbanos, ademais dunha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas e a ampliación da cuberta da pista de atletismo. As obras da zona deportiva xa comezaron o pasado venres 3 de xullo cunha duración aproximada de 3 meses polo que poderán estar rematadas no mes de outubro, para o inicio da tempada 2020-2021. A obra está adxudicada á empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L. por un importe de 878.485,79 euros.

Imaxes relacionadas