A Xunta publica a primeira base de datos dixital de materiais innovadores creados por empresas e centros de coñecemento galegos

A nova web da Materioteca de Galicia permite acceder en aberto á súa base de datos e ao seu catálogo de servizos para impulsar o deseño e a innovación mediante o uso de materiais innovadores

Presentouse durante o primeiro encontro do ciclo sobre materiais do futuro, no que catro grupos de investigación das universidades galegas amosaron novos materiais para a impresión 3D

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020

A Xunta vén de publicar a primeira base de datos dixital de materiais innovadores creados por empresas e centros de coñecemento galegos. Na nova web da Materioteca de Galicia (https://materioteca.gal/gl/) quedan dispoñibles a partir de hoxe as fichas técnicas de todos os materiais con selo galego que foron incorporados ao longo do ano e medio de traxectoria deste servizo, impulsado no marco do Programa de Deseño para a Innovación a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

A Materioteca de Galicia foi creada en 2019 como espazo de difusión de materiais innovadores que combina unha exposición e arquivo de mostras clasificadas –situado no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol– con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial.

A nova plataforma web da biblioteca de materiais de referencia de Galicia permite o libre acceso ao seu repositorio dixital de mostras para profesionais do deseño, enxeñeiros, arquitectos, tecnólogos e demais perfís implicados no desenvolvemento de solucións innovadoras para retos empresariais, así como estudantes destas especialidades. Ademais, nela pode atoparse información sobre todos os servizos de difusión e de impulso á transferencia de coñecemento en materiais innovadores.

Esta ferramenta dixital foi presentada hoxe durante o primeiro encontro do ciclo en liña sobre materiais do futuro organizado no marco do Programa de Deseño para a Innovación da Xunta. Catro grupos de investigación das tres universidades galegas presentaron os materiais máis innovadores que están desenvolvendo especificamente para a impresión 3D, unha tecnoloxía que se converteu nunha ferramenta clave da Industria 4.0 e de campos coma o da medicina rexenerativa.

Os grupos de investigación que presentaron novos materiais neste campo foron o Labplast e o Laboratorio de Aplicacións Industriais Láser da Universidade da Coruña (UDC), o Instituto de Cerámica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Grupo FA3 Novos Materiais da Universidade de Vigo (UVigo). Posteriormente, foi exposta unha selección internacional de novos materiais para impresión 3D da man da empresa Materially.

Ademais de expoñer os seus avances en materiais biocompatibles e tecnoloxías para a Industria 4.0, os relatores coincidiron en que o futuro é a impresión 4D, que implica que a forma ou as propiedades dos materiais poidan cambiar en función dos estímulos externos. Trátase de materiais intelixentes, con mellores prestacións e máis lixeiros, económicos e sustentables, aplicables en biomedicina ou robótica, entre outros campos.

Materiais para a innovación do futuro

Os seguintes dous workshops do ciclo “Materiais para o futuro” terán lugar entre finais de outubro e principios de novembro e estarán dedicados ás oportunidades que presentan os novos materiais en relación co contract (sector que aglutina ás empresas de mobiliario, iluminación, tecidos, equipamento, deseño de interiores e decoración) e coas novas tendencias na disciplina CMF (cor, materiais e acabado).

Este ciclo complementa a serie de encontros en formato virtual “A era poscovid: redesen~ar o mundo”, iniciada a finais de xuño e na que ofrecen a súa visión de futuro profesionais galegos do deseño de referencia a nivel internacional.

Imaxes relacionadas