A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

A Xunta aspira a seguir liderando unha xestión máis verde da auga ante o contexto de cambio climático a partir de proxectos financiados con fondos europeos por 675 millóns de euros

A directora sinala que a Xunta lle trasladou á Comisión Europea proxectos estratéxicos para o cofinanciamento con cargo ao programa operativo Feder 21/27 e ao fondo de reconstrución Next Generation UE, creado a consecuencia da covid

No eido do abastecemento pon o foco en investimentos en infraestruturas e plans de emerxencia por seca para garantirlle auga á poboación

Sinala que é clave seguir colaborando cos municipios rurais para implementar os sistemas de abastecemento nos núcleos máis dispersos

En relación ao saneamento, apunta a revisión das redes municipais para garantir a eficacia do seu funcionamento e do seu impacto sobre o medio hídrico

Salienta que os humidais son sistemas de tratamento eficientes para pequenas poboacións e en base a estes planifícase o saneamento para 278 núcleos rurais sen servizo de depuración

Destaca a protección dos ecosistemas dos leitos e das ribeiras dos ríos para pór en valor as contornas fluviais e vertebrar unha economía rural sostible

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, reiterou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta aspira a seguir liderando unha xestión máis verde da auga nun contexto de cambio climático a partir de proxectos financiados con fondos europeos que suporán un investimento conxunto aproximado de 675 millóns de euros.

Teresa Gutiérrez subliñou que a Xunta está a traballar para que a comunidade sexa de novo un referente en fondos europeos con proxectos para a necesaria transición ecolóxica.

Puxo en valor a experiencia do seu departamento na xestión destes fondos europeos, que permitiron que Galicia conte con 159 depuradoras e todas as rías teñan un plan de saneamento en marcha.

O Goberno galego xa lle trasladou á Comisión Europea as iniciativas que poden resultar elixibles para o seu cofinanciamento con cargo ao vindeiro programa operativo Feder 21/27 e ao fondo de reconstrución Next Generation UE, creado a consecuencia da covid-19.

Estes proxectos, en liña cos programas de crecemento verde da Comisión Europea e co Pacto verde europeo, desenvolveranse en catro ámbitos: abastecemento, saneamento, xestión hidrolóxica e participación pública e gobernanza.

Abastecemento

No eido do abastecemento, a directora explicou que o cambio no réxime de precipitacións esixe actuar para garantir a auga á poboación. Para facer fronte a estas vulnerabilidades é preciso realizar estudos, investimentos en infraestruturas e plans de emerxencia por seca.

Apuntou que a Xunta tamén considera estratéxico seguir colaborando cos municipios rurais para implementar os sistemas de abastecemento nos núcleos máis dispersos.

O aumento da eficiencia enerxética no abastecemento tamén é clave, segundo explicou a directora, polo que o Executivo autonómico proxecta axudas aos concellos para monitorizar perdas de auga e executar as obras que solucionen as carencias detectadas.

Saneamento

No que se refire ao saneamento, destacou que a Xunta pretende adaptar ao cambio climático o Plan Galego de Saneamento, auditando as redes municipais respecto da eficacia do seu funcionamento e tamén do impacto sobre o medio hídrico.

O Goberno galego contempla, ademais, a execución de accións para mellorar os sistemas de depuración de máis de 1.000 habitantes. Revisaranse as redes de saneamento coa fin de priorizar actuacións necesarias e implementar avances tecnolóxicos nas infraestruturas.

Lembrou que os estudos de Augas de Galicia revelan que un dos sistemas de tratamento máis eficiente a nivel enerxético para pequenas pobacións é o humidal. Neste sentido, xa se construíron 4 prototipos de depuradoras e planifícase agora o saneamento para 278 aglomeracións rurais que actualmente non teñen depuración.

A Xunta tamén considera claves as medidas de economía circular, por exemplo, a reutilización dos efluentes dos sistemas de saneamento e a implantación de infraestruturas verdes.

Xestión hidrolóxica

En relación á xestión hidrolóxica, a directora sinalou que a Xunta tamén seguirá traballando na xestión de riscos de inundación e seca. Así, enumerou accións como a actualización do Plan Xeral de Xestión de Risco de Inundacións para Galicia- Costa ou do Plan de Seca.

Tamén indicou que é necesario protexer os humidais, as chairas de inundación así como os ecosistemas dos leitos e ribeiras dos ríos, pois ademais dos beneficios ambientais, permitirá poñer en valor unhas contornas fluviais que poden vertebrar unha economía rural sostible.

O Executivo autonómico tamén vén traballando no seguemento da evolución do cambio climático e no reforzo das ferramentas de xestión dos datos para facilitar a toma de decisións. Augas de Galicia está inmersa nunha progresiva dixitalización de información que debe culminarse nos próximos anos.

Participación pública e gobernanza

O cuarto eido no que a Xunta propón actuacións estratéxicas de cara ao financiamento europeo céntrase na participación pública e na gobernanza.

No relativo á participación pública, a Xunta enfocará os seus esforzos no fomento da sensibilización da sociedade en canto á xestión da auga.

No referente á gobernanza, lembrou que o Goberno galego traballa nun novo modelo de xestión unificada dos servizos de abastecemento e saneamento ao que poidan adherirse as administracións locais de cara a xestionar eficientemente estas prestacións.
 

Imaxes relacionadas