A Xunta oferta formación online aos propietarios e traballadores de vivendas de uso turístico para mellorar a súa adaptación fronte á covid-19

Hoxe comeza o primeiro dos 18 webinars previstos para que os responsables destes aloxamentos poidan mellorar a súa resposta ante os retos futuros

Un total de 11.000 propietarios desta tipoloxía de aloxamento beneficiaranse desta formación impartida a través do CSHG, ademais do persoal que traballa nestes aloxamentos

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020

Un total de 11.000 propietarios de Vivendas de Uso Turístico (VUTs) e o persoal que traballa neste tipo de aloxamentos xa poden acceder aos seminarios online que a Xunta iniciou hoxe co obxectivo de mellorar a súa formación e dar resposta fronte aos retos que supón para o sector turístico a covid-19.

Trátase dun total de 18 webinars que se impartirán a través do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) ao longo de tres xornadas -o 8, 13 e 15 de outubro- en cinco sesións diarias. Baixo o título “Recomendacións das medidas hixiénico/sanitarias ante a covid-19 para as Vivendas de Uso Turístico”, a formación busca mellorar os coñecementos dos propietarios das VUTs tanto no ámbito da seguridade sanitaria como na xestión de negocio.

Con esta nova acción formativa, que é de balde para os propietarios das Vivendas de Uso Turístico inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), a Xunta busca dotalos de ferramentas que melloren a viabilidade económica desta tipoloxía de aloxamentos ao tempo que se lles incide na necesidade de traballar arreo e de xeito conxunto na construción de Galicia como destino turístico seguro.

Para acceder a esta formación só é preciso facer a inscrición previa a través da páxina web de Turismo de Galicia na seguinte ligazón: https://www.turismo.gal/galiciadestinoseguro/formacion/cursos-de-formacion-sectorial

Imaxes relacionadas