A Xunta publica no DOG o intercambio coa Deputación de Ourense da titularidade da estrada provincial de acceso ao núcleo da Veiga e as estradas autonómicas OU-211 e OU-400

A vía provincial OU-0804 transcorre pola comarca de Valdeorras e suma uns 11,3 km de lonxitude unindo o concello da Veiga con Viana do Bolo, O Bolo e A Rúa

Co cambio de titularidade a Administración autonómica terá a competencia para actuar nesta estrada

Transfírese á Deputación un tramo de 5,38 km de lonxitude da vía autonómica OU-211 ao seu paso polos municipios de Ribadavia e Cenlle, e o treito de 3,61 km da OU-400, que percorren Ramirás

Os cambios de titularidade serán efectivos desde mañá

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto do cambio de titularidade a prol da Xunta da estrada provincial OU-0804, desde a súa conexión coa estrada autonómica OU-533 no Alto do Covelo ata o inicio do núcleo urbano do municipio ourensá da Veiga.

Coa transferencia, o Goberno galego asume a xestión deste eixe de comunicación que une, desde a OU-533, A Veiga con algunhas das principais vilas da comarca, como Viana do Bolo, O Bolo e A Rúa.

Deste xeito, os citados tramos beneficiaranse dos medios da conservación ordinaria e tamén será obxecto de actuacións promovidas pola Administración autonómica.

O DOG publica tamén a transferencia a prol da Deputación Provincial de Ourense, dos 5,38 km de lonxitude da estrada autonómica OU-211, que une Val de Pereira e O Coedo, e que discorre polos municipios de Ribadavia e Cenlle. Transfírense, ademais, ao ente provincial a vía autonómica OU-400, de 3,61 km de lonxitude, que une Ramirás e Mosteiro, e que discorre integramente polo concello de Ramirás.

Nos seguintes enlaces ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/iqdl0 e https://xurl.es/ak2gv.

O Consello da Xunta aprobou na reunión celebrada o pasado 24 de setembro o intercambio de titularidade destas estradas, atendendo á proposta de cesión trasladada pola Deputación Provincial de Ourense, á petición do Concello da Veiga, da vía provincial de algo máis de 11,3 quilómetros de lonxitude, cuxo trazado descorre pola comarca de Valdeorras.

Tamén, co obxecto de racionalizar a rede viaria e darlle o mellor servizo posibles os cidadáns, o Goberno galego tamén acordou o cambio de titularidade a prol da Deputación de Ourense das estradas autonómicas OU-211 e OU-400 na súa totalidade.

Os cambios de titularidade tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Os cambios de titularidade destas estradas serán efectivos mañá, tras a súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia.