A conselleira de Política Social respondeu esta tarde no Parlamento de Galicia a unha pregunta sobre medidas de conciliación durante a covid-19

Fabiola García destaca a necesidade de que o Goberno central aprobe canto antes o permiso retribuído para as familias con fillos en corentena

Entre as medidas postas en marcha pola Xunta durante a pandemia salienta o Servizo de Axuda no Fogar Extraordinario e os Bonos Coidado Extraordinarios

Destaca os avances en materia de conciliación coa implantación da gratuidade da atención educativa nas escolas infantís para os segundos fillos e sucesivos, da que se benefician as familias de 14.000 nenas e nenos

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, recordou esta tarde a necesidade de que o Goberno central aprobe canto antes un permiso retribuído a nivel estatal para os pais e nais con fillos en corentena, tal e como se comprometeu e na liña do xa demandado polo Parlamento de Galicia o pasado mes de setembro. Fíxoo nunha resposta oral na Cámara autonómica na que informou das medidas de extraordinarias de conciliación postas a disposición dos fogares galegos con motivo da covid-19.

En concreto, Fabiola García referiuse a unha medida pioneira como é a dos Bonos Coidado Extraordinarios, consistente en axudas directas de entre 500 e 600 euros ao mes para que as familias puidesen contratar servizos de coidados a domicilio para nenas e nenos, persoas maiores e con discapacidade.

Así mesmo, salientou a posta en marcha do Servizo de Axuda no Fogar Extraordinario, grazas ao que se puideron prestar medio millón de horas ao mes de atención domiciliaria a persoas que a necesitaban, tiveran ou non a dependencia recoñecida.

Avances en conciliación

Xunto con estas iniciativas impulsadas para dar resposta ás familias durante os momentos máis duros da pandemia, a conselleira abordou os avances acadados nos últimos anos en materia de conciliación. Neste sentido, resaltou que desde o ano 2009 duplicáronse as prazas en escolas infantís ata chegar ás 25.000 actuais.

Ademais, fixo fincapé na implantación da gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos para os segundos fillos e sucesivos, que se iniciou o pasado 1 de abril e que beneficia ás familias duns 14.000 nenas e nenos que acoden ás escolas infantís públicas da Xunta, privadas e tamén municipais. Tamén subliñou a creación das Casas Niño en todos os concellos galegos sen recursos de conciliación, pequenos centros 100% gratuítos onde se poden coidar ata cinco nenos.

Por último, Fabiola García indicou que o Goberno galego seguirá a traballar nesta mesma liña na actual lexislatura, de aí que a primeira lei que se remitiu ao Parlamento neste período de sesións foi a Lei de Impulso Demográfico.

Imaxes relacionadas