A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu hoxe no Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez insta ao Concello de Vigo a avirse a sumarse ao Plan de Transporte Metropolitano para permitirlle aos veciños aforros anuais de ata 1.000 euros nos seus desprazamentos

Concreta que a negativa do Concello a adherirse ao Plan impide que os veciños teñan as mesmas vantaxes e descontos que os da Coruña, Lugo ou Santiago

Exemplifica que se o Concello de Vigo se incorporase, unha veciña de Vigo que vai en barco a Cangas e desde alí en autobús a Aldán só pagaría 1,34€ e aforraría un 70% por traxecto fronte ao 52% de aforro actual co uso da tarxeta TMG

Salienta que, desde a súa activación en abril de 2015, o Plan posibilitou que 86.000 veciños aforrasen máis de 7 millóns de euros nos seus desprazamentos

Apunta que máis de 16.600 menores de 21 anos teñen viaxado de balde no autobús interurbano coa tarxeta Xente Nova, cuxo uso se estenderá progresivamente a toda a comunidade

Destaca que a Xunta e os 12 municipios adheridos acordaron a continuidade do Plan en 2021, cun orzamento de 1,5 M€, dos que o Goberno galego financia o 85%

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde instou ao Concello de Vigo a avirse a sumarse ao Plan de Transporte Metropolitano para permitirlle aos veciños aforros anuais de ata 1.000 euros nos seus desprazamentos.

Vázquez Mourelle concretou que a negativa da Administración local está a impedir que os veciños deste concello se beneficien das vantaxes que teñen os cidadáns da Coruña, de Santiago ou de Lugo grazas ao Plan de Transporte Metropolitano.

Puxo como exemplo o dunha veciña de Vigo que vai desde a praza de América á estación marítima para coller un barco cara Cangas e desde alí, un autobús ata Aldán: o importe que tería que abonar sería 4,64 euros por traxecto sen tarxeta TMG, pero aforraría o 52% con esta. Se o Concello de Vigo formase parte do Plan, ese traslado custaríalle 1,34 euros, pois só pagaría o billete do barco porque os transbordos sairíanlle gratis, polo que aforraría o 70 % en cada traxecto.

Destacou que a Xunta agarda que o Concello non deixe pasar outro ano sen que os veciños conten cun Plan de Transporte Metropolitano “completo”.

Puntualizou que as vantaxes deste programa social son especialmente importantes nos tempos difíciles actuais, ao posibilitar descontos no transporte público ás familias de Vigo e a súa área.

Balance positivo

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor o balance positivo do Plan de Transporte Metropolitano na área de Vigo, que desde a súa activación en abril de 2015, xa permitiu que un total de 86.000 veciños aforraran máis de 7 millóns de euros nos seus desprazamentos.

Concretou que desde o comezo desta iniciativa, 70.000 familias aforraron unha media de 600 euros aos ano, grazas á tarxeta TMG.

Ademais apuntou que máis de 16.600 menores de 21 anos teñen viaxado de balde no autobús interurbano coa tarxeta Xente Nova, cuxo uso se estenderá a toda a comunidade de xeito progresivo, unha vez completado o Plan de Transporte Público.

Ethel Vázquez salientou que este Plan tamén posibilitou aumentar máis do 21% o uso do transporte público, contabilizando preto de 15 millóns de viaxes bonificadas nestes últimos 5 anos.

A área de Transporte Metropolitano de Vigo está formada por 12 concellos, incluíndo o transporte de ría entre a cidade olívica e as vilas de Cangas e Moaña, que representan máis do 40% do total das viaxes bonificadas.

Lembrou que froito da valoración positiva deste servizo, a Xunta e os municipios adheridos acordaron hai un par de semanas prorrogar o seu funcionamento no vindeiro ano 2021.

Para facer efectiva esta continuación do Plan o próximo exercicio, o Executivo autonómico achega o 85 % do orzamento, é dicir, de 1,5 millóns de euros vai asumir algo máis de 1,2 millóns de euros e os 12 concellos aportarán o resto.

Ademais sinalou que o novo Plan de Transporte Público de Galicia, que a Xunta está a piques de culminar, está a supoñer unha reordenación de servizos que permitirá que en Vigo se incrementen nun 63 % as liñas de autobús á disposición dos cidadáns, entre 2017 e 2020.

Concluíu que o Goberno galego continúa a apostar polo fomento e a defensa dun transporte público moderno, seguro e de calidade.

Imaxes relacionadas